Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia destaca o “paso cualitativo moi importante de cara á ampliación do Hospital da Costa”

Burela, 6 de outubro de 2014. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou este luns Burela para presentar no Hospital da Costa o plan director do centro hospitalario, diante de profesionais do propio hospital. Previamente, visitou oficialmente o Concello, asinando no Libro de Honra e departindo co alcalde, José Mª González Barcia, e cos concelleiros do equipo de goberno.

A presentación do plan director tivo lugar no salón de actos do Hospital da Costa. Na súa intervención ante os profesionais da sanidade que traballan no centro sanitario, o alcalde de Burela, José María González Barcia, agradeceulle á conselleira Rocío Mosquera a súa presencia “aquí, neste Hospital tan querido e defendido por todos, para presentar o avance do que será a ampliación do centro”, e afirmou que “todos levábamos tempo agardando este día, todos queríamos coñecer as liñas mestras do que será a ampliación do hospital de todos, e creo que todos nos vamos maioritariamente convencidos de que agora sí é a hora do Hospital da Costa, porque o que nos acaban de presentar significa un avance cualitativo e cuantitativo de enorme transcendencia e significado para todos os habitantes da Mariña”.

O rexedor burelés engadiu que “un investimento do calado do que se acaba de describir aquí non se leva a cabo da noite para a mañá, porque estamos vivindo os momentos que estamos vivindo, e porque, habendo tempos mellores, nada se fixo no tocante á ampliación deste hospital, que é máis ca un hospital, é unha referencia para os bureleses e para os mariñáns, dado que por aquí pasamos ou pasaremos todos por algo que nos preocupa a todos, a saúde”.

González Barcia dixo que “hai que recoñecer o traballo dos profesionais que aquí traballan, dos que levan aquí desde a apertura do hospital e dos que levan meses; recoñecer o traballo dos distintos directivos que tivo e ten este centro sanitario. Pero tamén hai que recoñecer o traballo calado e mudo daqueles que, sen alaracas, se marcaron como obxectivo irrenunciable a ampliación do hospital. E sobre de todo, recoñecer o interese da cidadanía, da veciñanza, para que a ampliación sexa unha realidade”.

O alcalde de Burela asegurou que “a visita de hoxe da conselleira de Sanidade para explicar á cidadanía da Mariña, representada nos profesionais que aquí traballan, sobre o que vai ser a ampliación do Hospital, significa a plasmación do compromiso do Goberno da Xunta de Galicia e do seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, con esta comarca e cos seus habitantes. Eu nunca dubidei da palabra dada polo presidente da Xunta, e estou seguro que os presupostos de 2015 non só visualizarán, si non que materializarán os compromisos adquiridos no seu día”.

E Barcia rematou engadindo que “a partires de agora, cada un desde as súas responsabilidades, toca facer as achegas que se consideren oportunas, pero coa mirada posta no que a todos nos atinxe, a ampliación deste hospital, que non é máis de uns que doutros, senón que é de todos e a todos nos afecta”.

A ampliación do Hospital da Costa vaise levar a cabo integramente no solar actual; a definición da ampliación que se pretende será posible grazas a que o PXOM de Burela rebaixa a afectación da actual variante de 100 metros a 25 metros; de non estar aprobado o PXOM, a ampliación que se pretende tería serias dificultades para concretarse.

José María González Barcia avanzou que “o Concello burelés se pon a disposición da Xunta, como sempre o fixemos, para sacar adiante unha actuación que representará un antes e un despois na sanidade, pero tamén na forma de actuar dalgunhas persoas e seguramente na forma de percibir os compromisos pola maioría da poboación”.

Exit mobile version