Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Educación recoñece a ilegalidade e cesa á directora do IES Vilar Ponte á raíz do recurso da CIG-Ensino

A Mariña, 21 de outubro de 2014.- Onte a Consellaría de Educación anunciou no claustro e no consello escolar urxente celebrado no IES Vilar Ponte que cesaría á actual directora, recoñecendo así a ilegalidade cometida no seu nomeamento e denunciada pola CIG-Ensino.

Novamente a Consellaría ten que rectificar e darlle a razón á CIG-Ensino que rexistrara un reclamación previa ao recurso contencioso-administrativo o pasado luns, solicitanto a anulación deste nomeamento por saltar a legalidade vixente. Evidentemente, despois de todas as consecuencias ocorridas a raíz dese nomeamento “a dedo” que van desde a desorganización e o mal ambiente entre a comunidade educativa ata unha denuncia a dúas nais diante da comisaría de policía, a CIG-Ensino reitera a necesidade de que se asuman responsabilidades e esixe a dimisión inmediata Xefa Territorial que tomou unha decisión ilegal de nomear a unha nova directora sen oír ao claustro e ao consello escolar, preceptivo para nomear unha dirección provisional como é o caso do IES Vilar Ponte . Mais unha vez, a Consellaría actúa á marxe dunha normativa que está obrigada a cumprir cando está non lle é do seu agrado.

Para a CIG-Ensino, esta rectificación da Consellaría reconduce unha situación manifesta de ilegalidade pero non resolve o problema inicial do que xurdiu que non é outro que a supresión dunha praza docente no centro que provoca unha redución da calidade educativa. Como ten ocorrido tanto no IES Vilar Ponte como noutros centros da comarca durante estes últimos anos a redución do profesorado -case 100 docentes- leva consigo o aumento das ratios, os agrupamentos de alumnado, a supresión das medidas á diversidade ou ao alumnado con necesidades específicas, o aumento de impartición de afins ou de compartir centros. É dicir, en definitiva a Consellaría actúa con criterios meramente económicos, recortando ano tras ano na educación, e non con criterios pedagóxicos e de mellora da calidade da ensinanza. . A elaboración dos novos horarios amosarán que non se poderán cadrar sen empeorar en algunha medida os criterios pedagóxicos aprobados no claustro e no consello escolar e que estaban dando excelentes resultados. O desleixo da Consellaría pola educación pública queda en evidencia no cúmulo de despropósitos cometidos neste centro: compromiso da dotación do docente número 43, negativa a cumprir o compromiso, nomeamento ilegal da dirección , elaboración irregular dos horarios que fai que hoxe aínda o profesorado e ao alumnado non coñeza os horarios definitivos.

Por este motivo, desde a CIG Ensino seguimos demandando o profesor 43 para o IES Vilar Ponte porque non é certo como parece facernos crer a Consellaría que con 42 profesores nun centro pódese dar a mesma calidade educativa que con 43.

Finalmente, desde a CIG Ensino esiximos unha declaración pública da Consellaría de Educación pedindo desculpas tanto aos pais e nais como ao claustro de profesores do IES Vilar Ponte polo que lles fixeron pasar e a retirada da inxustificada denuncia ás dúas nais.

Exit mobile version