Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acolle unha mesa redonda sobre como previr e afrontar o cancro de mama

charla-cancerA Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentará esta tarde no Salón de Actos da do Pazo de San Marcos, a partir das 17:30 horas, o libro Un bulto en la mama. Tú eliges como abordarlo, de Teresa Ferreiro, que precederá a unha mesa redonda sobre esta doenza, titulada El Cáncer de mama. Una aproximación responsable. No acto tamén estarán presentes o facultativo Salvador Ramos, director médico do Balneario de Guitiriz; a enfermeira da Unidade de Mama do HULA, Sofía Márquez, e a propia Teresa Ferreiro.

Con esta iniciativa, o organismo provincial pretende sensibilizar e concienciar aos cidadáns acerca dos métodos de prevención e detección precoz, fundamentais para aumentar os cada vez máis altos índices de curación do cancro de mama -8 de cada 10 mulleres que padecen esta enfermidade logran sobrevivir-.

A mesa redonda, moderada polo xornalista Javier Rivera, xirará ao redor da importancia deste diagnóstico temperán, que inclúe a realización de mamografías periódicas, e incidirá no estilo de vida das mulleres, fundamental para reducir o risco desta doenza cun gran impacto social, -unha de cada 8 mulleres padecerá a enfermidade ao longo da súa vida-, segundo datos da Asociación Española Contra o Cancro –AECC-.

Regina Polín insistiu “na necesidade de que o sistema sanitario público manteña probas como as mamografías dentro da carteira básica de servizos da Sanidade Pública, que aumentan as posibilidades de curación ata o 80% nos casos que se detectan a tempo”. A Deputada tamén subliñou o afán de superación de Teresa Ferreiro, “unha cara de loita contra o cancro”.

Un bulto en la mama. Tú eliges como abordarlo xurde dun traballo de investigación. A autora planteou o tumor, no momento do seu diagnóstico, como un proxecto cunha data de inicio e fin. A publicación é unha guía de como facer fronte a un tumor de forma práctica e activa a través da propia experiencia da autora e de mensaxes positivas co fin de axudar ás mulleres na mesma situación. Ferreiro, que define a súa obra como “o libro que me gustaría ter cando me diagnosticaron”, incide na actitude, nos métodos e nas alternativas para sobrelevar o tratamento dunha enfermidade que ten unha incidencia anual en España de máis de 22.000 casos, un 28,5% de todos os tumores femininos, segundo a AECC.

Exit mobile version