Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación garante 10 empregos ao incorporar claúsulas sociais no contrato sobre o servizo de atención tecnolóxica que presta gratis ós Concellos

101014xuntagobernoA Xunta de Goberno aprobou este venres renovación do contrato do Centro de Atención ao Usuario, o denominado CAU. Trátase dun servizo de atención tecnolóxica nas dependencias provinciais, que está a disposición de todos os Concellos da provincia de xeito totalmente gratuíto. Para elo, existe un teléfono de atención, que é o 982-28-02-63, ao que as entidades locais poden chamar de luns a vernes de 08:00 a 18:00 horas. Esta prestación enmárcase no Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea. Dende a súa posta en marcha, hai ano e medio, son máis de 5.000 as incidencias atendidas a través deste servizo. Martínez adiantou que “a novidade é que incorporamos neste prego cláusulas sociais que obrigan á empresa adxudicataria a manter, durante o prazo de execución do contrato, que é de 14 meses, a un equipo de 10 profesionais cualificados para a prestación deste servizo. É dicir, garantimos 10 postos de emprego”. O voceiro aclarou que non se trata de persoal da Deputación senón de traballadores da empresa que resultou adxudicataria do contrato.

Aforro aos Concellos
A Deputación aforra 160.000 euros a Ribadeo, Friol, Castroverde e Guitiriz co seu Plan Enerxético. Martínez destacou que “facémolo ao asumir a totalidade de custes das actuacións que contempla esta programación a diferencia do plan da Xunta que obriga aos municipios a pagar o 30% dos gastos”. Este aforro distribúese así: 40.000 euros coas auditorías enerxéticas que realizaron os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación, evitando contratacións externas; 103.000 euros coa adquisición e instalación de 908 lámpadas de baixo consumo para estes Concellos, actuacións que se aprobaron na Xunta de Goberno de hoxe; e 16.200 euros, que é a cantidade na que estes municipios verán reducida a súa factura anual co equipamento enerxético que lles concede a Deputación.

Por Concello, a Deputación aforra 50.000 euros a Ribadeo (10.000 euros coa auditoría enerxética, 29.700 pola adquisición e instalación de 234 compoñentes enerxéticos no alumeado público e 5.300 euros que será a cantidade na que se reduza anualmente a factura da luz); 40.600 euros a Guitiriz (10.000 euros coa auditoría enerxética, 24.200 coa compra e instalación de 215 compoñentes enerxético na Casa Consistorial e outros 345 no CEIP Lagostelle e 6.500 euros que será a rebaixa na factura anual da luz); 30.700 euros a Friol (10.000 euros coa auditoría enerxética, 18.700 euros pola compra e instalación de 34 compoñentes enerxético no alumeado público e 2.000 euros que será a rebaixa anual na factura da luz); e 41.800 euros a Castroverde (10.000 euros coa auditoría enerxética; 29.341 pola adquisición e instalación de 80 compoñentes enerxéticos no alumeado público; e 2.400 euros, que será a redución anual dos gastos pola luz).

Cesión dos bens mobles do San José
Todos os colectivos lucenses sen ánimo de lucro que participaron no concurso público que puxo en marcha a Deputación de Lugo para ceder os bens mobles do San José resultaron beneficiados. Así o avanzou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, logo de que a Xunta de Goberno deste venres aprobase a adxudicación de 400 obxectos do antigo hospital. Son aparellos de rehabilitación, camillas, sillóns, sillas, mesas, taquillas, arquivadores, biombos, estanterías metálicas, entre outros. Martínez explicou que o organismo provincial cede este material a unha trintena de asociacións sociais, como as de enfermos de alzheimer, vítimas de violencia de xénero ou inmigrantes; así como culturais, deportivas e veciñais, e ata ao colexio público IES Ánxel Fole de Lugo.

Destes 400 bens, 90 foron sorteados publicamente, posto que foron pedidos por varios colectivos, mentres 300 foron adxudicados directamente a distintas asociacións ao seren obxecto dunha única solicitude. A trintena de colectivos beneficiados recollerán este material a partires de semana próxima. Estes son: Club de Tenis Muimenta; Asociación Aquilino Iglesias Alvariño. Muimenta; Asociación A Fientosa; Asociación Lucense de Escleroris Múltiple (ALUCEN); Asociación de Alzheimer de Lugo (AFALU); Asociación Cultural Civitas Lucensis; Fundación Secretariado Gitano Lugo; Club de Tiro Real Aeroclub de Lugo; Asociación de Tiradores de Galicia. Lugo; Asociación As Lombas; IES Ánxel Fole; Club de Tiro San Froilán; Asociación Cultural Trebas Galaicas; Sociedad Protectora de Animales y Plantas de Lugo; Asociación de Veciños Santomé de Gaioso. Outeiro de Rei; Asociación O Banquiño Lucense. Lugo Porteiros; Fundación Afan.Lar; Asociación de Mulleres Luguesas Violencia de Género. Enriqueta Otero; Asociación de Veciños Santiago Espasandre. Castroverde; Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua. Vilalba; Asociación Cultural Sociedade Micolóxica Lucus; Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva dos Xogos de Muimenta, Xotramu; Asociación de Veciños Xente de Xustás. Cospeito; Asociación Lucense de Ayuda a Enfermos Mentales (ALUME); Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo; Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplantenses; e Asociación de persoas Sordas de Lugo (ASORLU).

Cesión do inmoble
O voceiro socialista lembrou que a Deputación mantén aberto o prazo de solicitude do concurso público sobre a cesión do inmoble do San José para reutilizalo con fins sociais. Entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou de interese social, que poidan estar interesadas na adxudicación da concesión para o aproveitamento da totalidade do inmoble co fin de utilizalo para a explotación dos fins que lle sean propios, poden presentar as súas solicitudes ata o luns 20 de outubro incluído. Martínez indicou que “valoraremos a maior ocupación do edificio, aínda que isto non exime da presentación de propostas para empregar parte do inmoble. O noso obxectivo é a súa ocupación total, posto que non queremos edificios abandonados ou deteriorados, como fai a Xunta co antigo Hospital Xeral”.

Nas ofertas deberase incluír o documento xustificativo da declaración de entidades en ánimo de lucro, declarada de utilidade pública ou de interese social; a descrición dos fins da entidade, actividades desenvoltas e ámbito territorial; o programa de adecuación do inmoble ás actividades; xustificación da necesidade de ocupación da totalidade do edificio provincial. Os colectivos interesados deben cumprir ademais os seguintes requisitos: a súa actividade terá que estar dirixida, principalmente, aos veciños de toda a provincia de Lugo; debe perseguir unha finalidade social, humanitaria ou comunitaria para o progreso, desenvolvemento ou ben común da sociedade, especialmente de colectivos e persoas con necesidades especiais ou vulnerables; ou ben estar destinada a cubrir outros aspectos da sociedade de contido formativo, cultural, social ou lúdico; ademais de promover a dinamización da cidade de Lugo.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e seguindo as normas do procedemento aberto. Será por 25 anos, ata o 2040, coincidindo co prazo do acordo entre Deputación e Concello de Lugo para o intercambio das instalacións do Fogar de Santa María e San José. Non obstante, as bases contemplan prórrogas de 10 anos, ata un máximo de 75 anos dende o inicio do proceso.

Exit mobile version