Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación organiza unha nova xornada formativa gratuíta sobre vespa velutina

A Deputación de Lugo celebra este xoves, ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a conferencia ‘Identificación e control da invasión en Galicia da vespa velutina’, coa que se inicia a nova programación de actividades da Área de Medio Ambiente. O Presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), e Doutor en Veterinaria, Pablo Piñeiro, informará sobre aspectos como as características desta especie invasora, así como as pautas a seguir para frear a súa expansión. Piñeiro entregará exemplares desta vespa conservados en alcol a cada participante, a gran maioría adicados a apicultura, para que poidan apreciar máis polo miúdo as características deste insecto, e diferencialo facilmente da vespa autóctona no caso de atopar un avespeiro.

Tal e como destacou a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, na presentación das actividades desta Área, “a Deputación foi pioneira en dar a voz de alarma sobre este tema, que afecta non só ao sector da apicultura senón ao medio ambiente”, xa que no 2013, logo de que APLA fóra a primeira asociación do país en atopar e identificar a este insecto, o organismo provincial organizou unha xornada informativa na que se alertaba sobre os perigos que a presenza desta esta especie supón no ecosistema e no sector apícola da provincia, que xera catro millóns de euros de volume de negocio grazas a unha produción de 740.000 quilos de mel, representando o 35% da produción total de Galicia.

Colaboración con APLA
A Deputación de Lugo aposta polo estudo e conservación da fauna da provincia, neste caso das vespas, as cales xogan un papel fundamental no medio ambiente pois, sen o seu labor na polinización, nin sequera a vida humana sería posible. De aí o compromiso con APLA, cuxa actividade leva impulsando a institución luguesa dende 2009 con axudas por valor de preto de 8.000 euros. Esta colaboración permite o desenvolvemento das súas actividades, así como posta en marcha de proxectos de formación e investigación.

Exit mobile version