Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reduce a factura da luz con novos dispositivos de baixo consumo en 8 Concellos da Mariña

veiga-martinez-xuntagobA Deputación de Lugo completou, cunha partida de 319.000 euros, o investimento en materiais de aforro enerxético para os 37 Concellos de todas as cores políticas que decidiron sumarse ao programa impulsado polo organismo lugués para axudar ás entidade locais a reducir a factura da luz. Segundo anunciou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, con esta última dotación económica, aprobada na Xunta de Goberno deste venres, adquiriranse 1.709 dispositivos de baixo consumo, grazas aos que os municipios conseguirán un aforro conxunto de 42.500 euros anuais nos gastos enerxéticos.

Como nas anteriores ocasións, a maioría dos materiais adquiridos serán lámpadas de baixo consumo, reloxos astronómicos que serven para programar o acendido automático do alumeado, descargadores trifásicos para evitar picos de tensión eléctrica, redutores do fluxo lumínico e válvulas termostáticas.

Martínez subliñou que esta nova compra de material para os Concellos non estaba prevista inicialmente, “pero foi posible grazas aos remanentes que quedaron dispoñibles da primeira fase de adxudicacións; uns remanentes que conseguimos grazas á eficiencia do modelo de contratación que estamos utilizando”. O Deputado lembrou que, para executar este proxecto, a Deputación ten aprobado un acordo marco mediante o que pacta con 6 empresas a compra dos materiais, o que “nos permite obter prezos máis axustados e vantaxosos”. Deste xeito, engadiu Manuel Martínez, “demostramos unha vez máis que na Deputación de Lugo sabemos optimizar recursos, xa non só sen ter que facer recortes, senón incluso mellorando as prestacións”.

A día de hoxe está instalado o 94% dos máis de 17.300 dispositivos de baixo consumo que temos adquirido para os 37 Concellos beneficiados polo Plan Enerxético, e os traballos quedarán completados no mes de decembro.

O investimento total que a Deputación destinou a esta liña de cooperación cos Concellos ascende a 1,1 millón de euros. Martínez recalcou que os municipios beneficiados “non tiveron que achegar nin un só euro, a diferencia dos programas enerxéticos da Xunta, que obriga ás entidades locais a pagar o 30% dos custes. Na Deputación dámoslles todo feito: auditorías e dotación de equipamentos”.

Entre os 37 Concellos que se sumaron ó Plan Enerxético, son 8 mariñáns: O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Xove, Barreiros, Riotorto, A Pontenova e Viveiro.

Exit mobile version