Site icon Crónica3.com A Mariña

A DXT iniciará desde este luns unha campaña de vixiancia nas vías convencionais de Galicia

A Coruña, 19 de outubro de 2014.- A Delegación do Goberno en Galicia informa que a Dirección Xeral de Tráfico poñerá en marcha dende este luns e durante toda a semana, ata o próximo domingo día 26 incluído, unha nova campaña especial de vixilancia das estradas convencionais, coordinada polos xefes provinciais e os xefes dos subsectores das catro provincias.

Dende a Delegación do Goberno en Galicia recórdase que un dos obxectivos prioritarios na estratexia Vial da DXT é mellorar a seguridade vial e conseguir comportamentos máis seguros nas estradas convencionais. A importancia desta campaña represéntase nas cifras que analiza a DXT en torno á sinestralidade viaria no territorio nacional. Así, en 2013, o 42% dos accidentes de tráfico con vítimas rexistráronse nas vías interurbanas e nelas producíronse o 73% das vítimas mortais.

A DXT deseñou esta nova campaña, cuxos controis queren incidir na potenciación do efecto pedagóxico, establecendo un variado control do tipo de infraccións. Por iso, sempre que sexa posible, tanto os paneis de sinalización variable coma as pantallas alfanuméricas do vehículo da Agrupación de Tráfico da Garda Civil nas inmediacións, advertirá os condutores da existencia próxima de controis.

Segundo os datos estatísticos da DXT, catro son os factores que máis inciden nos accidentes: o exceso de velocidade, o consumo de alcohol e drogas, o non uso do cinto de seguridade e as distraccións. Nese sentido, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil vixiarán, ademais da velocidade, os adiantamentos indebidos, a inxestión de alcohol ou drogas, usos de casco e sistemas de retención, utilización do teléfono móbil durante a condución, así como de auriculares, manipulación de navegadores ou calquera outro elemento que poida producir distracción e, en xeral, calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación vial.

Campaña anterior en Galicia
Como resultado da última campaña específica de vixilancia de vías convencionais en Galicia, desenvolvida do 21 ao 27 de outubro de 2013, controláronse 46.170 vehículos e 1.718 foron obxecto de denuncias. Cabe sinalar que, de entre as denuncias que máis incidencia tiveron para a seguridade vial, destaca o exceso de velocidade (978 denuncias) seguíndolles, a ausencia de cinto de seguridade e doutros sistemas de retención (144 denuncias) e o consumo excesivo de alcohol (121).

Exit mobile version