Site icon Crónica3.com A Mariña

A empresa pública SEPES rebaixa un 30% os prezos das 45 parcelas pendentes de venda no polígono industrial de Ribadeo

Ribadeo, 8 de outubro de 2014. A empresa pública Sepes, dependente do Ministerio de Fomento, decidiu hai uns días rebaixar os prezos para acceder á compra das 45 parcelas que quedan pendentes de vender no polígono industrial de Ribadeo, situado a carón da autovía do Cantábrico (A-8) na parroquia de Piñeira. A rebaixa situase en torno a un 30%. O alcalde, Fernando Suárez, mostrouse satisfeito con esta decisión da empresa pública e defendeu, unha vez máis, a estratéxica localización do polígono ribadense.

Para o rexedor a decisión de Sepes supón “unha boa noticia para os empresarios ou emprendedores que queiran atopar un lugar onde poder construír a súa nave, a súa actividade industrial ou comercial, aquí no polígono industrial de Ribadeo. Dado que, Sepes, que é a empresa pública que depende do Ministerio de Fomento, acaba de aprobar fai moi pouquiños días uns novos prezos para as parcelas que quedan pendentes por vender, que desgraciadamente pola situación económica que todos padecemos son bastantes. A día de hoxe quedan 45 parcelas en venda, pero o máis importante é que Sepes acaba de baixar por termo medio un 30% o prezo da parcela. De aí que dende 63 euros o metro cadrado, segundo a información que nos facilitan, se poden adquirir parcelas neste polígono industrial, que se algo ten de bo son as súas conexións”.

O responsable municipal recordou que “o polígono de Ribadeo conta a carón coa A-8, coma coa N-640, coma cunha conexión directa co porto comercial de Ribadeo. E ademais, está moi cerquiña de todo: a 100 km do aeroporto de Avilés, a 170 km do aeroporto de Alvedro, a 86 km de Lugo e significando que Ribadeo é o núcleo máis representativo entre Avilés e Ferrol. Polo tanto, os emprendedores e empresarios que queiran animarse non teñen mellor polígono que o polígono industrial de Ribadeo”.

O rexedor animou aos interesados a informarse “ben a través de Sepes, nos teléfonos do Ministerio de Fomento, ou ben tamén no propio Concello de Ribadeo onde lles daremos cumprida información desta nova revisión na política de prezos. Una revisión que entendo que se fai atendendo ás circunstancias económicas actuais, para dinamizar e intentar asentar poboación e crear emprego”.

Exit mobile version