Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación de Comercio da Mariña repartirá 25.000 euros en vales de compra para consumir nos locais das 9 ACIAS

federacion.comercioRibadeo, 24 de octubre de 2014. A Federación de Comercio da Mariña repartirá 25.000 euros en nove premios en vales de compra para consumir nos establecementos asociados ás Acias de Ribadeo, Xove, O Vicedo, Lourenzá, Mondoñedo, Foz, Viveiro, San Cibrao e Burela.

A campaña, que se desenvolverá entre o 28 de outubro e o 8 de decembro, foi presentada este venres en Ribadeo. O presidente da Federación de Comercio da Mariña, Ramón Leivas, explicou que “para participar no sorteo os interesados deberán facer as súas compras nos establecementos asociados de hostelería, comercio ou servizos. Alí seranlles entregadas as papeletas correspondentes, que irán numeradas, e que deberán incluír o selo da tenda participante”.

O sorteo dos 25.000 euros en nove premios en vales de compra terá lugar ante notario o 9 de decembro. E os afortunados ou afortunadas deberán consumir os seus aguinaldos, entre o 15 e o 24 de decembro.

Leivas incidiu en que “é moi importante que todos os clientes dos nosos establecementos garden as súas papeletas. Os números extraídos no sorteo ante notario faranse públicos nos medios de comunicación da zona e tamén nas redes sociais da Federación de Comercio da Mariña e das nove Acias participantes”.

O presidente da Federación de Comercio da Mariña subliñou que “cada Acia fará entrega dun premio, que deberá ser consumido nos seus locais asociados”.

Ramón Leivas dixo que se trata dun premio “moi importante, que poderemos poñer en xogo grazas a que contamos con esta Federación e a sentirnos todos asociados e unidos, porque individualmente falar desta cantidade sería practicamente imposible. Esperamos poder facer todos os anos algo espectacular”. O presidente da Federación de Comercio da Mariña considera que “isto deben telo en consideración tanto a Xunta como a Deputación porque todos unidos poderemos conseguir e facer moitas máis cousas. Contamos coas dúas administracións para que nos axuden nos temas que podamos suscitarlles”.

Exit mobile version