No acto, estiveron presentes Néstor Rego, secretario xeral da Unión do Povo Galego; Rubén Cela, coordinador do monográfico; e Paz Abraira, portavoz municipal do BNG. Durante a presentación fixeron un repaso do que os lectores se poden atopar neste libro. Destacaron que se trata dunha defensa do dereito de autodeterminación dende una perspectiva formada e informada e que a Fundación o puxo en marcha coa firme crenza de que non se pode pensar nun proceso de autodeterminación sen coñecer de antemán os piares teóricos sobre os que se construíu a ideoloxía nacionalista e a súa concreción práctica na Galiza.
No volume colaboran persoeiros destacados da historia do nacionalismo neste país como o propio Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xavier Vence, Pilar García Negro, Néstor Rego ou Alfredo Suárez Canal, entre outros. Unha análise, por eidos competenciais e temáticos, que da resposta ás preguntas que xorden á hora de abordar un proceso de autoorganización do pobo galego.
O momento no que sae á luz este monográfico non é casual, tal e como destacaron os participantes da presentación, xa que neste momento está claro que algo se move en Europa. Tras o referendo histórico en Escocia, con importantes avances cara á reunificación de Irlanda ou a independencia de Flandres e cun cuestionamento, cada vez maior, do actual proxecto de Unión Europea. E que algo se move tamén no Estado español, inmerso nunha profunda crise económica, mais tamén de lexitimidade e esgotamento do seu modelo territorial. A consulta de Catalunya, a inminente nova estratexia do conxunto do nacionalismo vasco na defensa do dereito a autodeterminación en Euskal Herria ou o cambio de rei, son claros indicios de que algo vai mudar na configuración territorial e política do Estado español. As preguntas son: O que? Para que? Como? e, sobre todo: Que papel vai desempeñar Galiza nese proceso? E iso intenta responder este monográfico.