Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña concéntrase novamente para esixir responsabilidades, información, formación e recursos ante o ébola

Traballadoras e traballadores do Hospital da Costa e veciñanza de A Mariña volveron a se concentrar este luns denunciando que existe unha falta de formación e adestramento axeitado do persoal no que se refire a todo o relacionado co virus do Ébola por parte do SERGAS, a pesares dos esforzos de profesionais do centro mariñao que procuran informar e formar cos medios dos que dispón o hospital.

Denuncian que semella incomprensible que o goberno do estado español ao que se lle supón unha organización interna eficaz con equipos de comunicación expertos, entre outras situacións, na resolución de crises, non fora quen de responder de xeito coordenado, coherente e rápido á situación de crise que comezou o pasado día 6 de outubro cando se oficializou o primeiro caso de ébola no estado español. Cinco longos días tardou o goberno de Mariano Rajoy en poñerse á fronte da situación e crear un gabinete de crise xestionado directamente pola vicepresidenta do executivo, Sáenz de Santamaría, deixando relegada á Ana Mato, totalmente superada polas circunstancias e a situación. A descoordenación entre a Comunidade de Madrid e o Ministerio de Sanidade resultou tan lamentable que daba a sensación de que ninguén tiña ganas de asumir un liderado, e polo tanto, unha responsabilidade, que claramente lles correspondía.

Na Galiza “a percepción do persoal é que o único que fixo a Consellería ao respecto foi colgar os protocolos na intranet do SERGAS e cando algún persoal se interesa pola cuestión, remiten a estes protocolos”, afirman. A isto engade que “sabemos que o papel o aguanta todo, mais por colgar un protocolo na intranet non significa que o persoal estea xa formado. Precísase adestramento ademais de palabras escritas nun papel”.

A Xunta de Persoal pregúntase “se a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén lle vai botar a culpa ao persoal ante un posíbel caso. En vista do ben que se están a facer as cousas, sería algo moi grave, tal e como é o que está a acontecer en Madrid, onde a vítima se converte en culpábel porque o goberno do PP elude responsabilidades”.

Lembran as últimas declaracións da Conselleira, nas que incidía en que “o protocolo está colgado a disposición de todo o persoal” e ante isto consideran que “resoan ecos de querer xustificarse despois nisto para non asumir a súa responsabilidade ante calquera situación e dirixir directamente a culpa ao persoal”.

A Xunta de Persoal advirte de que nos centros sanitarios galegos traballan moitas persoas, profesionais formados/as e que co seu traballo diario manteñen a flote a Sanidade Pública, suplindo en moitos casos as carencias ás que se ven sometidos/as por mor dos recortes e políticas de desmantelamento e privatización que este goberno ten por norma aplicar. “Calquera persoa que acuda a un centro sanitario galego pode estar segura de que o darán todo para axudar á súa curación. Mais tamén é necesario que se saiba que o están a facer, no que respecta ao Ébola, mais non só, en condicións indignas, e sen a máis mínima seguridade para a súa saúde”.

Manifestan en todo caso a esperanza de que non se dea ningún caso de infección por Ébola na Galiza, mais para o caso en que así fora, “agardamos que desde xa se empece a tomar en serio esta cuestión e se empece a difundir adecuadamente a información e a formar e adestrar convenientemente, con xornadas prácticas, ao persoal da sanidade, que vai expor a súa propia saúde para atendelo e quere facelo cunhas mínimas garantías”.

Xunta de persoal do Hospital da Costa

Exit mobile version