Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma sanitaria da Mariña cre que “as promesas do PP e da Conselleira de Sanidade non son cribles ate que se demostre compromiso económico e inicio de obras en Burela”

A Mariña, 6 de outubro de 2014. Nunha primeira valoración da visita da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña destacou que a conselleira non pode vir a Burela presentar un proxecto de ampliación Hospital da Costa do que non concreta financiamento nin prazos de execución.

Para a plataforma hoxe asistimos a un acto electoral do Partido Popular que entrou en campaña das eleccións municipais pola porta de atrás, cos planos dun proxecto de ampliación que ante a pregunta de si incluirá partidas económicas para a súa execución en 2015, a resposta da conselleira non foi mais alá de “algo haberá”.

Rocío Mosquera permitiuse o luxo de dar por feitos servizos que seguen sen funcionar despois de anos de anuncios, como o servizo de quimioterapia ou a hospitalización a domicilio que supuxo recortes de profesionais noutros servizos sanitarios da comarca.

A plataforma anunciou que estará atenta ao contido dos orzamentos 2015 que concretarán o investimento previsto para 2015 nesta obra tan necesaria que lembraron foi anunciada ate en catro ocasións polo actual presidente do goberno galego sen que ate o momento viramos ningunha actuación. Advertiron con todo, que os antecedentes non chaman ao optimismo, na Mariña xa vimos como promesas de execución de obras tan relevantes como o corredor da costa entre San Cibrao e Ferrol son papel mollado que so revive en época electoral.

Exit mobile version