Site icon Crónica3.com A Mariña

A praza de abastos de Ribadeo recuperou este mércores a súa actividade cunha campaña de fidelización

221014 Foto visita praza abastos 2Ribadeo, 22 de outubro de 2014.- Este mércores a praza de abastos de Ribadeo recuperou a súa actividade habitual. Fíxoo despois de levar varias semanas pechada polas obras de restauración de estrutura e pintado que se levan a cabo tanto no interior, coma no exterior do edificio. As obras continuarán nas vindeiras semanas, pero os praceiros xa poden desde hoxe volver vender os seus produtos nos postos habituais. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, acudiu á praza para ver como se leva a cabo esta volta á normalidade e aproveitou para avanzar que a reapertura do edificio se complementará con varias accións promocionais impulsadas pola Área de Desenvolvemento Local do Concello. Entre elas destaca a posta en marcha nos vindeiros días dunha campaña no Facebook do Mercado de Abastos de Ribadeo. A través dela, tódolos veciños que se fagan seguidores desta páxina poderán optar ao sorteo de 400 euros en bonos de compra para ser usados na propia praza. Ademais, o Concello impulsará nas fins de semana dous obradoiros infantís nos que os máis pequenos poderán coñecer o mercado por dentro e participar no sorteo dunha bicicleta.

O rexedor anunciou que “despois destes días de obras, aquí na praza de abastos de Ribadeo, e onde por certo continúan os traballos de mellora pola súa parte exterior, hoxe por fin volven os praceiros aos seus postos neste día de mercado semanal dos mércores. Volven os praceiros a vender os seus produtos do mar e do campo, os produtos de primeira calidade e ao mesmo tempo, durante estes días, que dalgunha maneira foron vacacións forzadas para eles, estiveron actualizando coñecementos que lles estivemos dando a través duns programas formativos de fidelización do cliente e de novas formas de comercialización. E a partir de agora, aínda que as obras de pintado e estrutura aínda seguen durante unhas semanas máis, vamos desenvolver paralelamente unha campaña de promoción on-line e off-line sobre os valores da praza e a importancia de consumir en local. Facémolo en liña con outras campañas nas que xa vimos apostando dende a Área de Desenvolvemento Local, e contando neste caso coa axuda importante económica da Dirección Xeral de Comercio da Xunta”.

Suárez Barcia engadiu que “xa está nas redes sociais que a asociación de praceiros, que están aquí hoxe acompañándonos nesta reapertura, vai levar adiante unha campaña de promoción na que se van sortear uns 400 euros en vales de consumo para todas aquelas persoas que se animen a participar no facebook do mercado de abastos de Ribadeo. E tamén se van levar a cabo concursos de debuxo entre os máis pequenos onde ademais haberá un sorteo dunha bicicleta. Dentro destas actividades para os máis pequenos, de cara a fomentar entre eles os hábitos de consumo saudables e a importancia de consumir en local que pretendemos, imos celebrar dous obradoiros”.

Fernando Suárez especificou que “o primeiro será o próximo fin de semana, o 25 de outubro. Teremos un obradoiro que chamamos O Mercado dos Nenos, onde os participantes van coñecer o mercado, os seus profesionais e os postos por dentro. Os nenos farán de reporteiros e de cámaras e gravarán uns vídeos dende o punto de vista dos máis pequenos. Logo o día 8 de novembro haberá outro novo obradoiro que se chama Construíndo o noso Mercado, onde os máis pequenos participantes van construír unha maqueta na praza na que se van dar a coñecer os produtos e os vínculos existentes entre o comercio e o desenvolvemento local. E finalmente o 29 de outubro, vaise presentar un vídeo promocional aquí na praza baixo o título Na praza sabemos o que vendemos. Con el incidiremos nesta idea de consumir en local pola calidade, a proximidade e a profesionalidade dos produtos e dos profesionais da horta, do mar e do campo”.

Exit mobile version