Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación cultural de outono continúa en Burela con ‘Xan, o gardián das pitas’

Burela, 9 de setembro de 2014. A Concellería de Cultura de Burela presenta este sábado, 11 de outubro, un novo espectáculo englobado dentro da programación de outono do Concello. Nesta ocasión a compañía Lusco Fusco Teatro porá en escea Xan, o gardián das pitas, unha obra de teatro de carácter familiar, que se poderá ver a partir das 17.30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

Esta obra de teatro trata a historia de Xan, un mozo que vive coa súa nai, xa anciá, rodeado de animais nunha pequena parroquia galega. O protagonista non coñece nada do mundo, ata que chega unha nova habitante ao pobo que troca a súa maneira de ver e vivir a vida.

A compañía Lusco Fusco Teatro, nacida no 2013, é a encargada de interpretar este espectáculo co que pretenden facer rir e potenciar a imaxinación de todo o público, independentemente da súa idade. A obra conta coa cooperación do proxecto teatral educativo Buxiganga da Deputación Provincial de Lugo.

Exit mobile version