Site icon Crónica3.com A Mariña

A recollida de firmas que reclamaba o regreso dos servizos de pediatría a Mondoñedo e Lourenzá foi atendida pola Xunta

Mondoñedo, 20 de outubro de 2014.- Ata o mes de xullo un pediatra atendía aos pacientes catro días á semana no centro de saúde de Mondoñedo e un día só no de Vilanova de Lourenzá. Tras a baixa dende o mes de xullo deste especialista, un só médico de familia cubría un día a semana esta vacante.

Esta circunstancia implicou non só a presentación, por parte dos pais e nais afectados, de reclamacións de xeito individual nos centros de saúde. A maiores, decidimos recoller firmas coa finalidade de contar cun profesional estable, que atendese aos nosos fillos varios días á semana.

Recollemos un total de 1430 firmas, -agradecemos a sinatura de todos e cada un dos que colaboraron, conscientes desta necesidade-, que presentamos en rexistro do Hospital Universitario Lucus Augusti o pasado venres, 17 de outubro.

Este mesmo venres 17 de outubro, por xestión da voceira do PP de Mondoñedo, Elena Candia; varias nais afectadas mantivemos unha reunión no Hula cun responsable da xerencia de atención primaria ao que agradecemos a súa negociación cordial.

Hoxe luns, foinos comunicado que un médico de familia atenderá aos nosos fillos dous días á semana (martes e xoves) no centro médico de Mondoñedo; e un día (mércores) no de Lourenzá.

Polo tanto, as firmas recollidas foron atendidas habendo unha mellora do servizo ofertado. Agradecemos a rápida resposta e a vontade de colaboración demostrada.

Exit mobile version