Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación destina 25.000 euros ó CIM e á Casa da Xuventude de Mondoñedo

Lugo, 10 de outubro de 2014. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Antonio Veiga, destinará 25.000 euros a financiar diversas actividades do eido social en Mondoñedo. Con estes convenios entre a institución provincial e o Concello de Mondoñedo, asinados hoxe na sede da Deputaicón por Antonio Veiga e o alcalde de Mondoñedo, o tamén nacionalista Orlando Fernández Cruz, a área de Benestar Social da Deputación ratifica o seu apoio ao Centro de Informacións ás Mulleres (CIM) e á Casa da Xuventude de Mondoñedo, por valor de 10.000 e 15.000 euros, respectivamente. “Dous dos problemas máis importantes que hoxe ten a sociedade galega é a violencia de xénero e a emigración dos nosos mozos e mozas, con estes convenios facemos fronte a eses dous problemas”, afirmou Antonio Veiga.

O Concello de Mondoñedo puxo en marcha, no ano 2006, o Centro de Información ás Mulleres, coa intención de converter o benestar social nunha liña de intervención transversal de cara ao desenvolvemento de políticas que incidan na consecución da igualdade de sexos, coa posta en marcha dunha actividade de atención psicolóxica, asesoramento xurídico, orientación profesional, así como de sensibilización da vixencia e aplicación do principio de igualdade entre homes e mulleres nos distintos aspectos da vida.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación incidiu “na importancia do labor que leva a cabo este centro máis aínda tendo en conta a lacra da violencia machista, que no que vai de ano xa se cobrou a vida de 7 mulleres en Galiza, con varios destes asasinatos, desgraciadamente, na comarca da Mariña”.

Antonio Veiga fixo fincapé na “necesidade” de manter “servizos de axuda, asesoramento e apoio ás mulleres que permitan facer fronte á lacra da violencia de xénero” e denunciou “os recortes e desmantelamento de axudas e medidas de apoio por parte da Xunta de Galiza”. “Unha vez máis, mentras a Xunta recorta en servizos sociais, a Vicepresidencia da Deputación fai todo o contrario, apostando polo benestar da poboación”, contrapuxo.

Manter servizos no rural
O vicepresidente da Deputación referiuse tamén a que Mondoñedo e os concellos limítrofes onde desenvolve os seus servizos o CIM, Abadín e Lourenzá, forman parte do eido rural e teñen un alto grao de dispersión xeográfica, “o que fai das mulleres un colectivo especialmente necesitado de políticas en materia de igualdade, políticas ás que se non fora por este centro de información, non poderían acceder”.

“Estamos a falar, – continuou Veiga- de mulleres de idades, en xeral, en torno aos 50 anos ou máis, sen estudos cualificados, que toda a vida traballaron no agro e se dedicaron ao coidado dos fillos e do fogar, sendo así, máis dependentes do sexo masculino e máis vulnerábeis a lacras como as da violencia de xénero; polo que se fai máis necesario que o este Centro de Información ás Mulleres continúe en funcionamento”.

O rexedor mindoniense, agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación e precisou que “o servizo que ofrece este centro, dende que comezou a súa actividade no 2006, tivo moi boa acollida por parte das usuarias, o que garante tamén a viabilidade do mesmo de cara a un futuro”.

Asesoramento laboral para que a mocidade non emigre
Por outro lado, a Casa da Xuventude, grazas ao convenio por valor de 15.000 euros que se vén de asinar, poderá continuar realizando as súas funcións de informar, orientar e asesorar a toda a poboación xuvenil mindoniense, así como manter a intensa actividades cultural que desenvolve, organizando numerosos obradoiros para nenos e nenas, representacións teatrais, ou torneos de tenis, así como a colaboración con festexos como As Quendas ou As San Lucas.

Antonio Veiga denunciou “a falla de expectativas laborais da nosa mocidade que a obriga a emigrar”, polo que insistíu en que “é preciso que os nosos mozos e mozas conten con todo o apoio e asesoramento necesario á hora de buscar traballo ou de poñer en marcha calquera tipo de actividade ou iniciativa emprendedora que lles abra un futuro na súa terra”.

Pola súa banda, Orlando González Cruz destacou que “a Casa da Xuventude de Mondoñedo é ademais o principal motor do asociacionismo cultural en Mondoñedo, facendo accesíbel á mocidade todas aquelas actividades e programas que potencian a cultura e actividade xuvenil, converténdose nunha boa opción para o desenvolvemento e apoio á mocidade, como parte importante do futuro da sociedade”.

Exit mobile version