A aprobación desta instalación, Enebro Renovables, S.L., supón un importante avance na aposta estratéxica da Xunta de Galicia polo desenvolvemento desta enerxía, así como polo impulso do concurso eólico. Neste sentido, trátase do décimo parque do concurso aprobado no que vai de ano, tras as autorizacións dos eólicos de Acibal, Mondingo, Faro, Cernego, Pico Seco, Friol, Paraño Oeste, Xinzo Norte e Chan do Eixo, e acada un total de 242 MW e un investimento de máis de 337 millóns. Así mesmo, cómpre salientar que esta nova infraestrutura ten capacidade para superar as 3.800 horas equivalentes de vento anuais, un 52% máis que a media española, que se sitúa en preto de 2.500.
Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria segue a apoiar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica orientado á recuperación do liderado do sector e á creación de emprego e riqueza para a sociedade. Por este motivo, activou distintas medidas fiscais, técnicas e financeiras consensuadas co sector que dinamizan a posta en marcha de proxectos.
Así, aprobouse a modificación da lei que permite trasladar a constitución do aval do momento da concesión administrativa ao do inicio da construción, o que supón un aforro medio de máis de 23.000 euros anuais por parque; estanse a impulsar as repotenciacións de parques e facilítase a desistencia total ou parcial de MW, sempre que non se altere o resultado do concurso, co obxectivo de que os proxectos viables saian adiante. Así mesmo, cómpre salientar que a través dos plans industriais asociados as empresas adxudicatarias do concurso eólico levan mobilizado 850 millóns e xeraron 1.800 empregos directos, máis da metade dos comprometidos ata 2020.
Dentro desta estratexia, o Goberno galego ten moi en conta as administracións locais, de xeito que por medio do canon eólico se recadaron xa máis de 114 millóns de euros destinados aos municipios. Neste contexto, o novo proxecto suporá unha importante fonte de financiamento para o concello de Ourol, que poderá beneficiarse da recadación obtida do mencionado canon.