Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza o parque eólico singular de Mondoñedo que permitirá un investimento de preto de 3,5 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou este venres o parque eólico singular de Mondoñedo, que permitirá un investimento de preto 3,5 millóns de euros neste concello lucense, contribuíndo á mellora da súa situación económica.

Deste xeito, o Goberno galego segue a traballar en prol do desenvolvemento das enerxías máis limpas, así como na redución de fontes contaminantes e da dependencia do exterior, neste caso co impulso dun proxecto que redundará en beneficio do municipio. Non en van o parque suporá unha nova fonte de financiamento para Mondoñedo, xa sexa a través dos ingresos a percibir pola venta da enerxía excedente producida ou ben pola concesión da explotación a un terceiro.

A infraestrutura contará con dous aeroxeradores cunha potencia total de 3 MW e capacidade para acadar as 3.200 horas de vento anuais, cando a media española é de preto de 2.500. Ademais, estímase que a súa produción de enerxía anual será de 9.600 MWh, o equivalente ao consumo anual de máis de 2.200 familias galegas.

Neste contexto, cómpre salientar que Galicia suma 29,75 MW autorizados e 40,3 MW en funcionamento en parques eólicos singulares, unhas infraestruturas que contribúen a financiar e favorecer as necesidades dos concellos galegos a través dunha aposta decidida polo desenvolvemento da enerxía eólica.

Así mesmo, e dentro da súa estratexia eólica, a Xunta ten moi en conta os concellos, de xeito que por medio do canon eólico se recadaron xa 114 millóns de euros destinados a sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego nos municipios galegos.

Exit mobile version