Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e o Concello de Foz fixan criterios de adaptación ó plan de ordenación do litoral do PXOM

reunion-pxom-fozSantiago, 10 de outubro de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo unha nova reunión co alcalde do Concello de Foz, Javier Jorge Castiñeira, co fin de seguir avanzando no documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que será aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal antes de finais de ano e a continuación remitirase ao Executivo autonómico para a súa Aprobación Definitiva.

O encontro, que contou coa asistencia do equipo técnico de ambas administracións e dos redactores do PXOM, veu precedido de outras reunións celebradas ao longo dos dous últimos anos. É preciso recordar que, é a partir do ano 2011, cando se produce unha reactivación do documento de planeamento, contratado en 2004, pero que levaba parado dende o ano 2009.

Neste senso, hai que destacar o percorrido que avanzou a tramitación do PXOM nestes dous últimos anos e medio, co fin de adaptar o documento aprobado inicialmente en 2007, e que xa fora exposto ao público en dúas ocasións; en 2007 e 2009.

A finais de 2013, tras a adaptación do documento á modificación da LOUGA e ao POL, o Plan de Ordenación do Litoral foi exposto novamente ao público. Esta terceira exposición pública saldouse coa presentación de 600 alegacións, a metade das formuladas no 2009.

Vindeiros pasos
O alcalde trasladou que, neste intre, o Concello practicamente recibiu a totalidade dos 30 informes sectoriais que solicitaron ás distintas administracións a finais de 2013. Así, os prazos que manexa o concello supoñen presentar, nas vindeiras semanas, ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a proposta de Memoria Ambiental e, a continuación, proceder a Aprobación Provisional antes de finais de ano.

Unha vez superado este trámite, o PXOM será remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva. A secretaría xeral disporá de un prazo de 3 meses para emitir a Orde, tras comprobar a integridade do expediente e do proxecto do documento.

Situación actual
Na actualidade o municipio de Foz, que se rexe por unha normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1991, ten en trámite un PXOM contratado en xaneiro de 2004 sobre o que a Xunta xa emitiu un Informe previo a aprobación Inicial (IPAI) en novembro de 2006 e que foi aprobado inicialmente en 2007 polo Pleno Municipal.

O Concello de Foz tiña concedida unha subvención ao abeiro da orde do 18 de febreiro de 2004 e do 15 de marzo de 2005 pola que se lle abonou o importe de 79.546,25€ máis 21.157,50€ de cartografía. Co que o total concedido a este municipio foi de 200.650,04 euros.

Exit mobile version