Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia reunións cos veciños de Ribadeo co fin de consensuar a elaboración do Plan de conservación da praia das Catedrais

Ribadeo (Lugo), 9 de outubro de 2014.- A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, iniciaron hoxe as reunións de traballo cos veciños da localidade lucense de Ribadeo, empezando polas agrupacións da Devesa e Cinxe, e coa Asociación de Comerciantes de Ribadeo, co fin de consensuar ideas para a elaboración do Plan de Conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais. Cabe recordar que o documento preliminar atópase en fase de participación pública.

Con esta reunión, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas cumpre o compromiso de fomentar a participación dos cidadáns que se verán beneficiados pola elaboración deste documento, e poder compartir unha folla de ruta que garanta un uso público compatible coa preservación do espazo.

O Consello da Xunta, nunha recente reunión, xa aprobou o documento de inicio do Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, informe que se pode consultar, desde fai días, na páxina web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza: http://www.cmati.xunta.es/seccion-organizacion/c/DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Espazos_protexidos/Rede_galega/Monumentos_naturais/seccion.html&std=A_praiadas_Catedrais.html

O Plan de Conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais concíbese como un instrumento de planificación básico do lugar, cunha normativa de usos e un programa de accións destinado a preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos

O estudo parte dun rigoroso diagnóstico da situación actual do espazo, tanto a nivel ambiental como socioeconómico, e identifica os principais riscos e ameazas que afectan ao ámbito. Ese documento fixo posible avaliar con exactitude a ameaza que a presión turística, moi concentrada en determinados momentos do ano, e as especies invasoras constitúen para o mantemento do equilibrio ecolóxico do Monumento Natural.

Conservación do hábitat
Por outra banda, cabe sinalar que no espazo se identificaron unha serie de especies clave para a conservación do hábitat, a matogueira costeira e a especie Limoniun dodartii, identificadas como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas. Por ese motivo, o Plan de Conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais inclúe tamén actuacións destinadas a garantir a súa conservación, así como para erradicar as especies invasoras.

Ademais, na procura dunha maior sensibilización e mellor información, estableceranse mecanismos de difusión e información á poboación en xeral sobre os valores ambientais do Monumento Natural. Con ese obxectivo promoveranse accións de colaboración coa administración estatal, autonómica e provincial, así como coa comunidade científica e a poboación local, para favorecer o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural.

O obxectivo da Xunta é que o Plan de Conservación sexa aprobado definitivamente antes do verán de 2015. A partir de entón, a normativa establecida será vinculante, tanto para as administracións públicas como para os particulares, prevalecendo sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación territorial ou física.

O programa de actuacións deberá someterse a revisión cando se produza unha alteración das condicións ambientais que o motivaron ou, en todo caso, transcorridos 10 anos desde a súa aprobación definitiva.

Exit mobile version