Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto ata o 30 de outubro o prazo de inscrición para participar no XII Mercado de Nadal de Ribadeo

Ribadeo, 21 de outubro de 2014.- Ata o 30 de outubro está aberto o prazo de inscrición para participar no XII Mercado de Nadal, que se celebrará en Ribadeo do 5 ao 8 de decembro. O evento está organizado pola Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo e patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura e Turismo.

Ana Martínez explica que “con este mercado o Concello busca animar as rúas e comercios de Ribadeo nunha ponte na que son moitos os visitantes que se animan a achegarse a Ribadeo”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo subliña que “o Mercado de Nadal tamén quere ser un espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e o deseño, onde se visibilize o traballo creativo e innovador de artistas e artesáns”.

A edil nacionalista indica que “nesta edición queremos dar un pulo a novos creadores e novos emprendementos no eido da artesanía e da creatividade, especialmente nun momento no que o feito a man está en auxe e supón para algunhas persoas cada día máis unha maneira de gañarse a vida”.

As persoas interesadas en participar no Mercado de Nadal de Ribadeo poden inscribirse e presentar a documentación esixida no rexistro do Concello ata o vindeiro 30 de outubro. As bases atópanse colgadas na páxina web: www.ribadeo.org

Exit mobile version