Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto prazo de inscrición entre o 13 e o 24 de outubro para os cursos de tempo libre organizados polo CIM de Burela

Burela, 10 de outubro de 2014. A concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela anunciou que o vindeiro luns, 13 de outubro, abrirase o prazo de inscrición nos Cursos de Tempo Libre para Mulleres 2014-2015, que organiza o CIM. O cursos de manualidades, bolillos ou bordado levaranse a cabo dende novembro deste ano ata maio do 2015.

Dende o Concello de Burela informan que se poderán inscribir nestes cursos todas aquelas mulleres que residan no municipio, aínda que terán preferencia as que estean empadroadas. Os requisitos para a matriculación serán presentar o documento nacional de identidade, ter pagada a taxa de matrícula e anotarse fisicamente, xa que nesta ocasión non se admitirán inscricións telefónicas. As interesadas poderán resolver as súas dúbidas no propio Centro de Información as Mulleres ou no teléfono 982 58 06 09. E para inscribirse deben dirixirse ao CIM de luns a venres en horario de 8 a 15 horas ata o 24 de outubro.

A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, afirmou que “estes obradoiros non son só un pasatempo, senón que teñen unha finalidade claramente marcada polo regulamento de funcionamento dos CIM, no que se busca a participación das mulleres na vida social. Así se comprobou coa realización destes cursos co paso dos anos, xa que deles xurdiron asociacións de mulleres, actividades propostas por elas e ata emprendemento feminino”.

A edil engadiu que “con estes cursos tratamos de desenvolver o enxeño, descubrindo as propias habilidades manuais, sendo infinitas as posibilidades de enriquecer o fogar e dar renda solta á imaxinación, creando os máis fermosos cadros, bordados de toallas e sabas, pintar e restaurar mobles, e realizar cos bolillos diferentes traballos para desenvolver esta técnica de xeito avanzado, posto que os propios deseños das alumnas se traducen en verdadeiras obras de arte como bolsos, broches, tocados ou sombreiros”.

Diana Durán sinalou que “estes obradoiros buscan os obxectivos de favorecer a recuperación do bordado, espertar a conciencia de sentirse capaces de realizar algo creativo e novo, fomentar o traballo manual como expresión de creatividade persoal e como unha alternativa ao aproveitamento do ocio e tempo libre das mulleres, promover o intercambio de experiencias e animar ás mulleres a crear iniciativas comunitarias nas que fomenten a súa participación. Un exemplo poden ser as exposicións dos traballos conxuntos que se realizan en datas sinaladas coma o Nadal, os Carnavais, as festas Patronais ou o día Internacional da Muller”.

Exit mobile version