Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA estudou o plan de conservación da praia das Catedrais e acudiu á reunión celebrada en Cinxe

Ribadeo, 9 de outubro de 2014. Acisa convocará en breve reunións sectoriais co comercio e coa hostalaría para pechar as campañas promocionais a realizar ata finais do presente ano. Este foi un dos asuntos que abordou a xunta directiva na reunión mantida nas últimas horas. Dende Acisa sinalan que “contaremos coas campañas tradicionais de nadal e con outras específicas en novembro para a hostalaría e para o comercio, que serán as que abordemos proximamente con ambos os dous sectores. Ademais estamos a estudar a posibilidade de organizar almorzos de traballo, cursos ou actividades formativas en novas tecnoloxías para os nosos asociados e asociadas nos que abordaremos cuestións como o comercio on line ou as redes sociais. Outro dos nosos obxectivos para os próximos meses pasa por modernizar a nosa páxina web e por darlle un impulso tamén ás redes sociais de Acisa”.

Na reunión da directiva de Acisa os seus membros fixeron balance do verán de 2014 e da festa indiana celebrada en Ribadeo o pasado mes de xullo: estamos satisfeitos da tempada estival, de como foi para os nosos asociados e de como funcionaron as campañas que organizamos eses meses e que enfocamos tanto para a fiel clientela do comercio e da hostalaría ribadense como para as miles de persoas que nos visitan eses meses. Consideramos que con poucos medios se fixeron grandes eventos”. Sobre a festa indiana indican que “foi un éxito tanto pola implicación dos nosos asociados: comercio e hostalaría, como pola participación dos cidadáns que caracterizaron e se botaron á rúa a empaparse da pegada indiana de Ribadeo e a gozar tamén das actividades”, “que tiveron lugar eses dous días”.

Outro dos asuntos analizados na xunta directiva de Acisa foi o convenio marco co Concello “que se aprobaba hai uns días en pleno municipal. A partir de agora manteremos as reunións correspondentes co Concello” “para facer un seguimento deste e para desenvolver diferentes actividades”. Dende Acisa engaden que “tamén estamos a traballar coa Mariña Federación na organización dalgunha iniciativa que se concretará proximamente. En breve será presentada unha campaña, que se desenvolverá ao longo dos próximos meses en toda a bisbarra e da que se beneficiarán tanto os socios de Acisa, coma os das outras Acias que integran Fecam, e os clientes dos establecementos asociados”.

Exit mobile version