Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicadas as obras de remate da estrada de acceso ó Porto de Burela en 6,5 millóns de euros para executar en 2 anos

Burela, 9 de outubro de 2014. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Xunta de Galicia, adxudicou as obras rematar a estrada de acceso ao porto de Burela á empresa Copasa cun presuposto de 6.527.950 euros (IVE incluído). A baixa sobre o orzamento de licitación é de 937.380 euros.

O prazo previsto para a execución desta obra é de 24 meses.

O actual acceso á zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e a perigosidade que supón tanto para os usuarios do porto como para a propia localidade de Burela. Debido ao incremento da actividade que experimenta o recinto portuario e ao aumento do tráfico que se produce co funcionamento da nova lonxa, considérase necesario construír un novo acceso que facilite a entrada e saída do porto, evitando o tráfico de mais de 400 vehículos pesados ao día polo núcleo urbano de Burela.

No ano 2007 adxudicouse a obra, pero o Tribunal Superior de Xustiza decidiu a súa paralización por estimar que o proxecto non era acorde co planeamento urbanístico vixente, circunstancia que motivou a interrupción dos traballos.

Características
A nova vía de 1,26 quilómetros, enlazará a avenida de Arcadio Pardiñas coa Avenida da Marina na zona portuaria, á altura da nova lonxa. O ámbito obxecto do proxecto corresponde a uns terreos pouco accidentados, que están limitados ao leste por un acantilado duns 30 metros de altura e o suroeste pola liña de FEVE. O trazado cruza a liña de tren aproximadamente no punto quilométrico 0+920 a través dun paso inferior e terá tres carrís de 3,5 metros cada un, así como beiravías de 1 metro a ambos os lados da calzada.

Para a execución da estrutura que permite o paso do acceso baixo a liña de FEVE será necesario o traslado e posterior reposición a súa situación orixinal do treito de liña ferroviaria afectada. Así mesmo, é preciso un traslado definitivo dun treito de liña de FEVE como consecuencia do tendido de noiros de desmonte inestables na primeira metade do novo trazado (afecta o treito de liña comprendido entre os puntos quilométricos 113/4 e 113/8 da liña ferroviaria).

Proxéctase tamén a sinalización horizontal, vertical, barreiras de seguridade e relocalización da barreira de protección de motociclistas. E iluminarase o trazado mediante unha luminaria composta por báculo dun único brazo. Ademais, proponse a colocación de luminarias no paseo peonil.

Valoración
Para o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, “isto é unha magnífica noticia, porque é un paso máis no procedemento que se veu levando a cabo ata o de agora e que se plasmará con case toda seguridade a finais deste mes de outubro ou principios do que vén co inicio e posta en marcha das obras”.

O rexedor dixo: “somos conscientes de que esta obra ten unha grande complexidade técnica, pero ao mesmo tempo tamén sabemos que é fundamental para Burela por dúas cuestións: para facilitar o acceso do tráfico rodado, fundamentalmente dos vehículos pesados, ao porto sen ter que pasar polo centro do pobo, e vai desconxestionar considerablemente o tráfico no casco urbano de Burela. Son dúas enormes vantaxes que, evidentemente, cando a obra remate vanse poder apreciar de forma moi sensible”.

Barcia subliñou que “unha vez máis, o goberno de Alberto Núñez Feijóo cumpre con Burela e faino establecendo como prioritaria unha infraestrutura que nos afecta e que tamén afecta a un porto que é de vital importancia para a economía no soamente local senón tamén da comarca e da provincia. O compromiso adoptado no seu día por Alberto Núñez Feijoo de levar a cabo esta obra cúmprese e plásmase. O compromiso adoptado no seu día polo equipo de goberno do Concello de Burela de que íamos xestionar esta obra cúmprese, exactamente igual que estamos cumprindo con, por exemplo, a gardería, coa aprobación do plan xeral de ordenación municipal ou coa apertura ao tráfico da urbanización de Torrentes”.

O alcalde burelés engadiu que “agora só queda esperar que as obras empecen no prazo establecido, que non xurdan problemas adicionais durante o transcurso dos traballos e que culminen no prazo ou, a ser posible, antes de que se cumpra. É probable que en certas zonas de Burela se incremente o tráfico pesado precisamente por estas obras, polo cal xa pedimos desculpas anticipadas porque evidentemente unha obra sempre causa molestias. Pero eu creo que paga a pena sufrir durante unha pequena temporada estas molestias e contar cunha infraestrutura que vai ser fundamental para o futuro do noso concello”.

Exit mobile version