O deputado de AGE, Ramón Vázquez, anunciou a presentación dunha iniciativa na que se esixe en primeiro lugar a reposición do profesor de Lingua Castelá tal e como prometeron, así como un novo proceso de selección da dirección do centro xa que a actual “é ilegal” ao ser elixida a dedo por parte da Consellería que en ningún momento consultou co claustro nin co Consello escolar como establece a lei. Por último, o grupo parlamentar de AGE esixe a inmediata retirada das multas interpostas contra dúas nais que participaron nuns actos de protesta que o único que perseguían era defender e facer valer os dereitos dos seus fillos e fillas.
Para Ramón Vázquez á xa característica falla vontade de negociación do Goberno Galego, súmase nesta ocasión a coacción ás familias a través de denuncias xudiciais, provocando un clima de conflito crecente. Por este motivo, o grupo parlamentar de AGE manifestou a súa total repulsa á liña de coacción iniciada por parte do conselleiro de Educación, que non supón unha total desvergoña tendo en conta que estamos a falar dun conselleiro que conta xa con 21 sentenzas contra a súa xestión.
Ramón Vázquez recomendou ademais á xefa territorial que dimita do seu cargo se non é quen de compatibilizar o seu cargo de concelleira e o novo nomeamento no departamento de Educación tal e como queda demostrado no caso do IES Vilar Ponte que “non é máis que a punta do iceberg” dunha dramática situación na comarca que pasa pola redución de máis de 100 docentes nos últimos 5 anos, o peche de 17 aulas de primaria, o peche de 5 escolas, o desmantelamento da rede de orientación de Viveiro, e a sobrecarga deste servizo en centros como o é o caso do CEP Lois Tobío, Santa Rita de Galdó ou Pedrosa Latas do Celeiro que se ven obrigados a atender alumnado doutros centros con necesidades educativas especiais ou que precisan apoio educativo, o que afecta gravemente á calidade do servizo e supón un importante trastorno para estes nenos e nenas.