Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Fuente asegura que “a situación económica do Concello de Barreiros é boa”

Barreiros, 7 de outubro de 2014. O alcalde, Alfonso Fuente asegura que a situación económica do Concello de Barreiros é boa. Proba diso son os prazos nos que se está a pagar aos provedores. Deste e doutros asuntos falouse no pleno celebrado na tarde deste luns.

O rexedor dixo que “é normal que ás veces a oposición critique, eu creo que iso é un pouco por estar saíndo na prensa, pero este tema quedou aclarado xa cando a conta xeral se levou á comisión de Economía e eu díxenlles que non había ningún problema. Eles din que se cerra con 290.000 euros negativos e isto precisamente ven motivado polo canon de saneamento de anos anteriores, ao que tivemos que facer fronte, e máis a unha devolución dun imposto de construción. É dicir, cando unha empresa ou un particular solicita unha licenza para construír e logo decide non facelo se ten pagada xa a licenza hai que reintegrarlla. E este é o motivo polo que cerramos este exercicio en negativo. Como é algo extraordinario e non ordinario do propio desenvolvemento do Concello evidentemente é o que se lles traslada”. Deste xeito resposta o alcalde ás críticas realizadas desde o PSOE.

Segundo Alfonso Fuente Parga “o Concello economicamente está ben e ás veces xorden cuestións extraordinarias. E precisamente o Concello ao estar en boa situación económica pode facer fronte a estes casos extraordinarios, que tamén se están dando nalgúns outros concellos, pero a nós o que nos preocupa é o noso”.

O alcalde barreirense engadiu que “o Concello está en boa situación económica, está pagando practicamente dentro dos prazos e non fai falla máis que falar con calquera provedor do Concello. Estes días liquidáronse xa facturas de xuño e de xullo, todas as que había pendentes. Polo tanto estamos cuns prazos de aproximadamente dous meses para liquidar as facturas e pagando todo. O Concello é verdade que pasou momentos delicados, pero agora pode facer fronte aos pagos, hai liquidez e non hai ningún problema”.

Albergue de Gondán
Sobre o albergue de Gondán e as críticas que efectuou estes días o BNG Fuente Parga sinalou que “como lles manifestaba no pleno de onte, en ton irónico, a porta está pechada sempre que non hai ninguén dentro. Polo tanto claro que está cerrado, non vai estar aberta a porta sempre, pero o que din é falso: ese albergue non está pechado e a maiores fíxose outro albergue en San Xusto, con outras 14 prazas, co que se aumentaron as prazas de albergue no noso concello. Agora saen os dous albergues nas guías e precisamente está máis preto doutros servizos como son os de hostalería. O problema que tiña o albergue de Gondán era que os peregrinos chegaban alí e despois tiñan que desprazarse 2,5 quilómetros para poder ir aos servizos hostaleiros e logo volver cara atrás para ir ao albergue”.

E engadiu que “decidimos preparar esa escola de San Xusto, onde hai 14 prazas, que durante gran parte do ano son suficientes, os peregrinos nos manifestan que alí están moi cómodos porque está a escasos metros dun restaurante onde teñen todos os servizos que tamén demandan os peregrinos. E cando ese albergue esta completo ábrese o de Gondán para que se queden nel. Tamén é certo que se algún peregrino ou algún grupo demanda quedarse no albergue de Gondán, solicítanolo, alí mesmo hai un teléfono de atención, chaman e inmediatamente vai unha persoa abrirlles para que se poidan hospedar alí. Hai uns anos unha señora que era veciña do albergue de Gondán tiña a chave e os peregrinos ían alí buscala, pero agora chaman e en menos de 5 minutos hai unha persoa alí para abrirlles o albergue se queren quedarse nel. E tamén se lles indica que hai outro máis preto dos servizos hostaleiros e precisamente a maioría deles deciden baixar andando eses 2,5 quilómetros para quedarse no de San Xusto”.

Comida dos maiores
O vindeiro sábado, 11 de outubro, terá lugar a comida dos maiores, que organiza o Concello despois duns anos sen celebrarse. O alcalde lembrou que “esta comida dos maiores víñase facendo todos os anos, pero no 2010 deixouse de celebrar por motivos económicos; pensouse incluso, como fixeron nalgúns concellos, en que os participantes tivesen que pagar unha parte do custe, pero eu non son partidario de que os nosos maiores cofinancien esta comida. Eu creo que o teñen ben merecido, temos que aprender deles. Levan moitos anos e aínda hoxe aguantando coas súas pensións a economía de moitas familias. Eles mesmos veñen demandando a celebración deste xantar e se temos en conta que o Concello de Barreiros gasta uns 520.000 euros anuais en servizos sociais, contando todo o que é axuda a domicilio, a gardería, toda a asistencia a maiores e aos nenos, a comida dos maiores non chega nin a un 2 por cento dese presuposto”.

Alfonso Fuente subliña que “este ano precisamente dada a mellora na situación económica do Concello podemos asumir ese custe e evidentemente é unha acción máis dentro dos servizos sociais do Concello esta comida dedicada aos nosos maiores. Se algún partido político decide non asistir, como creo que fará o Bloque Nacionalista Galego, alá eles. Se non queren compartir este día de festa cos nosos maiores, alá eles. Eu creo que o teñen ben merecido e creo que debemos compartir esta xornada con eles, porque así vólvense encontrar. Todos os anos víanse nesta comida, porque hai moita xente que non se ve en todo o ano e era precisamente nesta data onde podían reencontrarse e falar uns con outros. É algo que os nosos maiores nos veñen demandando dentro dos servizos sociais”.

O rexedor ve inviable técnica e economicamente a proposta do BNG de manter o servizo de transporte desa comida o resto do ano: “se un día como o do próximo sábado, cando se van xuntar 350 maiores nesa comida e dámoslles a posibilidade de que se anoten para vir no autobús ou en coche propio só 20 persoas demandan o autobús imaxínense o que sería este autobús un día á semana ou tódolos días posto polo Concello para vir ao centro médico, onde precisamente coa innovación da receita electrónica só chamando por teléfono xa lla activan; se temos en conta que polo centro médico pode pasar 40 persoas ao día imaxínense cantos poderían vir nese autobús. Se o día que concentramos a 350 veñen 20 ¿cantos poderían utilizar ese autobús que tería que percorrer todo o interior do concello?, porque evidentemente non deberíamos deixar ningunha parroquia sen percorrer. Imaxínense á que hora da mañá tería que saír e que todos tiveran cita no médico á mesma hora. É dicir, iso é inviable economicamente e tecnicamente. A veces é falar por falar, porque cos datos enriba da mesa é inviable: a poboación no interior do concello vai diminuíndo e incluso moitos deles séguense valendo e teñen medios propios para vir ao centro médico ou á farmacia”.

Exit mobile version