Site icon Crónica3.com A Mariña

Álvaro Cabo asume a presidencia de NN.XX. co compromiso de “conectar coa xuventude da Pontenova”

nnxx-pontenovaLugo 25 de outubro de 2014.- Álvaro Cabo asumiu este sábado a presidencia de Novas Xeracións no concello da Pontenova durante un congreso no que se estableceu como principal reto “conectar coa xuventude da Pontenova”.

“Queremos coñecer as inquedanzas dos nosos veciños co obxecto de poder darlles resposta dende a alcaldía”, explicou Cabo; quen reincidiu en que o PP da Pontenova xunto a formación xuvenil que lidera “teñen que ser o partido da xente”.

Álvaro Cabo, que asume este compromiso con só 22 anos, afiliouse ao PP xa dende o ano 2009 e agora pasa a formar parte activa a través do seu cargo de presidente en NN.XX.

O mozo popular, estudante de Ciencias Empresariais, estará acompañado na executiva por Andrés Regodeseves (secretario xeral) e Mónica Uría (vogal).

Respaldo de NN.XX. e do PP
No congreso celebrado esta mañá, estiveron presentes representantes de Novas Xeracións na provincia de Lugo; entre eles, o seu presidente; Daniel Vega, xunto co secretario xeral, Fernando Carreiras, -tamén presidente da Mesa do Congreso-; o coordinador comarcal, Roberto Fernández; así coma o secretario de presidencia, Alberto Fernández.

Dende o Partido Popular, acompañaron a Cabo a voceira do PP na Deputación de Lugo e vicesecretaria provincial do Partido Popular, Elena Candia; a delegada territorial, Raquel Arias, e o presidente do Partido Popular da Pontenova, David Jorge García.

Clausura do congreso
Durante a clausura do congreso, o presidente de Novas Xeracións, Daniel Vega, invitou a Cabo a traballar para que os veciños “saiban que o PP é o partido de referencia”. Así, citou tres adxectivos para referirse á política: honradez, traballo e dedicación aos cidadáns. Neste senso, concluíu engadindo que “non podemos apostar por profetas que o único que queren e encandilar con mensaxes utópicas á cidadanía”.

Pola súa banda, a voceira do PP na Deputación e vicesecretaria provincial do Partido Popular, Elena Candia, trasladou a Cabo e a Novas Xeracións o apoio do partido e resaltou o importante exercicio de responsabilidade e valentía posto de manifesto polo mozo popular ao asumir a presidencia de Novas Xeracións na Pontenova e comprometerse, deste xeito, co proxecto de partido.

Exit mobile version