Site icon Crónica3.com A Mariña

ANPAS Galegas apoia ás familias do IES Vilar Ponte ante a “redución de persoal imposta pola Consellería de Educación”

Diante das noticias que están a saír na prensa estes días, relativas ás mobilización das familias do IES VILAR PONTE de Viveiro, dende a confederación ANPAS GALEGAS queremos denunciar o que consideramos unha mentira orquestrada por parte da administración educativa da Xunta de Galicia.

Todo o que está a ocorrer no IES Vilar Ponte trae causa da redución de persoal imposta pola Consellería de Educación no principio deste curso escolar, redución que levou á dimisión do equipo directivo a ao nomeamento unilateral dunha nova dirección por parte da Consellería, e que está a ser rexeitada tanto polo claustro como polas familias do centro.

Todo isto está evidenciando un dobre problema que levamos anos denunciando:
– Os recortes de persoal son xa absolutamente imposibles de cubrir cos efectivos existentes; e están afectando a todo o territorio galego, non unicamente a este centro escolar.

– O nomeamento unilateral das direccións nos centros escolares por parte da Administración, sen o apoio de profesorado e familias, terá resultados caóticos para o ensino público.

Estamos diante dun problema que ten todo que ver coa concepción democrática da xestión do ensino público; a actual dirección política da consellería de educación non cre na presenza das familias no ensino público, tenta de seguido afastarnos da vida cotiá dos centros escolares, e mesmo ten o atrevemento de denunciar con falsidades a dúas nais que tiñan como única pretensión a de mellorar a vida do centro no que estudan os seus fillos.

Nós sabemos que o ensino precisa de todos nós, do profesorado e das familias, nomeadamente das familias, e non estamos dispostos a calar a boca diante dunha administración que mercantiliza o noso ensino público e que lle pon prezo á preparación para o futuro dos novos xoves; e dende logo, reclamamos a nosa presenza constante na vida dos centros escolares, para escoitar e para ser escoitados, para ser parte visible da educación dos nosos fillos e fillas, e esiximos que esa presenza conte con todo o respecto e con todo o respaldo democrático da administración educativa da Xunta de Galicia.

Exit mobile version