Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga participa no aniversario da residencia para persoas con enfermidades mentais de Cervo

Cervo, 9 de outubro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, participa esta tarde na celebración do primeiro ano de funcionamento da residencia e centro ocupacional para persoas discapacitadas con enfermidade mental de Cervo. Esta infraestrutura tivo para a súa posta en funcionamento hai xusto agora un ano un investimento de 1.135.000 euros, dos que a Área de Benestar da Deputación aportou 300.000 euros a través dun convenio coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña. Pola súa banda, a Consellería de Traballo e AGADER achegaron o diñeiro restante para a construción da infraestrutura, 835.000 euros.

Con este novo espazo creado en Cervo hai agora un ano víronse beneficiados os enfermos mentais da Mariña. O centro ten capacidade para 75 usuarios permanentes, o que supón un paso de xigante para a comarca no que a cubrir as necesidades de persoas con discapacidade mental se refire. O centro acolle ademais persoas procedentes doutros lugares de Galiza, que reciben unha atención integral.

Ademais dos beneficios que ofrece a estas persoas, coa construción desta residencia e centro ocupacional na Mariña, creáronse novos postos de traballo directos. Antonio Veiga dixo que “a aposta polos servizos sociais é tamén unha aposta polo emprego e a creación de postos de traballo, pois a atención ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade ou ás persoas dependentes, ademais dun dereito social básico para esas persoas e as súas familias, pode ser un foco importante de creación de emprego, fundamental nunha época de crise coma esta na que outros sectores están estancados”, defendeu.

“Nin un paso atrás en materia de servizos sociais”

Coa colaboración da Deputación na construción desta residencia, queda demostrado, unha vez máis, o compromiso da Área de Benestar coa atención e a integración das persoas, neste caso concreto coas persoas con algún tipo de discapacidade, “en contraposición aos recortes en materia social que está a facer a Xunta de Galiza, que están incidindo de xeito directo en abrir a fenda da exclusión xusto no seo dos colectivos que máis necesitan a axuda en tempos de crise, polo que é inhumano que a Xunta de Galiza utilice a crise como coartada para levar a cabo políticas que aumentan as desigualdades na sociedade”, sinalou Antonio Veiga.

Veiga ademais lembrou que “todas as asociacións e colectivos que traballan a prol do benestar das persoas na nosa provincia contan co noso apoio mentres ven como noutras administracións lles pechan as portas, porque a nosa aposta é firme a prol dos dereitos sociais das persoas”. Veiga foi rotundo e afirmou que “desde as administracións non podemos permitir que se dea nin un só paso atrás en benestar e no que ten a ver coa saúde”.

Ademais da celebración do primeiro ano de funcionamento da residencia, a festa de aniversario incluíu a presentación do novo número da revista Agarimo, confeccionada por enfermos mentais da comarca, e a representación dunha peza teatral.

Exit mobile version