Site icon Crónica3.com A Mariña

As burelistas visitan a pista do novel Tecuni Bilbo FS

O Burela FS Pescados Rubén visita a pista do novel Tecuni Bilbo FS o sábado (La Casilla, 18.30 horas), na sexta xornada de Primeira División RFEF procurando darlles continuidade aos bos resultados das últimas xornadas e seguir coa escalada na clasificación.

“Veremos un equipo que seguramente defenderá de principio moi atrás, coma se nos presentan a maioría dos rivais esta tempada, e que na súa casa será máis agresivo perseguindo as contras rápidas para sorprendernos” adiantaba Quico Otero, que pedía “intensidade, orde e paciencia para seguir traballando na boa liña”. “Debemos ter moita seguridade para facer fronte a esa defensa estática, non perder balóns que nos poidan facer moito dano e non enchernos de faltas para non correr o risco da semana pasada con Amarelle”.

Dende a sétima praza, con 9 puntos, o Pescados Rubén saltará á cancha do décimo clasificado, con 4 puntos. O Bilbo, que caeu na pista do poderoso Atlético de Madrid Navalcarnero a semana pasada (5-0), estreouse en Primeira puntuando con empate no resto dos seus compromisos ata o momento (Majadahonda 4-4, Poio 2-2, Ordizia 0-0, Orvina 1-1).

O cadro mariñán porá rumbo a La Casilla o sábado ás 10.00 horas. Realizará o último adestramento da semana mañá ás 20.00 horas; segundo explicou Quico Otero “Patri continúa co proceso de recuperación, Peque, que está recibindo EPI no xeonllo, non adestrou ata onte e Bea tivo un pequeno descanso por sobrecarga”. A pesar destas incidencias, o vestiario laranxa vaise recuperando paseniño: “Vamos adquirindo o ton físico adecuado e pouco a pouco xogadoras que estiveron minguadas en pretempada van podendo amosar plenitude de facultades. Esperemos que todo iso se vaia reflectindo en resultados e xogo” concluía o adestrador burelista.

Burela Pescados Rubén: 1. Jozi 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 14. Bea Mateos, 17. Maite, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã, 13.Patri.

*Foto: Ana López Ramos (BFS-Amarelle).

Exit mobile version