Site icon Crónica3.com A Mariña

Beatriz Mato supervisou este mércores as obras de construción da nova gardería de Burela

221014 Foto obras garderia Burela 1Burela, 22 de outubro de 2014.- O alcalde, José Mª González Barcia, agradece a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar na construción da nova gardería de Burela así coma as achegas realizadas para a formación de desempregados. Beatriz Mato supervisou no mediodía deste mércores esas obras.

O rexedor burelés explicou que “hai uns momentos acompañamos á conselleira de Traballo e Benestar da Xunta, Beatriz Mato, na visita que fixo ás obras da que vai a ser a nova escola infantil do noso Concello. As obras van francamente a moi bo ritmo, tendo en conta que comezaron hai aproximadamente un mes e está practicamente toda a cimentación xa feita. A partir de agora comezarase a levantar a estrutura do propio edificio que, coma xa se sabe, vai a contar con 41 prazas e 3 unidades”. José Mª González Barcia insistiu en que “a intención é que as obras estean rematadas a finais de marzo ou comezos de abril do próximo ano e que poidan empezar a funcionar no curso 2015/2016. Eu sempre dixen que esta era unha aposta decidida deste goberno pola conciliación laboral e familiar, e aínda que nos supón un esforzo económico importante que eu nunca neguei, senón que sempre dixen que efectivamente iso era así. Pero tamén é certo que vai permitir que 41 familias poidan deixar aos seus fillos e as súas fillas nun centro público coma o que vai ser este”.

O alcalde engadiu que “son 41 familias que van vivir en Burela, polo tanto tamén asentamos poboación. E por outra parte, na propia escola infantil van ter que traballar profesionais do sector, co cal tamén estamos xerando emprego. Polo tanto vale a pena o esforzo económico que se está a facer dende o Concello, porque ademais é a única vía existente que había para poder facer unha instalación de este tipo. Temos que estar contentos e temos que agradecerlle á Xunta de Galicia que a través da Consellería de Traballo e de Benestar, colabore co Concello en varias cuestións. Non soamente na gardería, senón tamén nas importantes achegas que se fan en materia de formación de persoas que están en situación de desemprego”.

Acompañaron á conselleira na súa visita ás obras da gardería varios concelleiros e concelleiras do equipo de goberno e a delegada territorial da Xunta en Lugo.

Exit mobile version