Antonio Veiga destacou o importante traballo que realizan este tipo de colectivos, sobre todo tendo en conta a situación económica actual e os recortes levados a cabo polas administracións central e autonómica neste ámbito. “É patente que á situación que vivimos hoxe en día non chegamos por casualidade, senón que é debido ás políticas antisociais que se están practicando tanto dende o goberno do Estado como desde o da Xunta”, criticou.
Para intentar paliar esta falta de atención, Veiga subliñou que “dende a área de Benestar da Deputación non somos alleos ás penurias que está padecendo moita xente e neste sentido facemos este convenio co Banco de Alimentos de Lugo para axudarlles a sufragar os gastos do local desde onde distribúen alimentos, xa que cada vez necesitan máis espazo e máis alimentos para repartir, porque cada vez son máis as persoas que, desgraciadamente, se atopan nunha situación extrema e precaria”, lamentou o vicepresidente da Deputación.
Colaboración cos colectivos deste ámbito
Veiga remarcou que desde o organismo que dirixe non van deixar de colaborar con estas asociacións, dado que fan un traballo moi importante no momento actual que vivimos. “Facemos un convenio con este Banco de Alimentos do mesmo xeito que temos liñas de colaboración semellantes con moitas outras asociacións que traballan no ámbito do benestar e no de cubrir necesidades perentorias. Dende a área de Benestar, ao contrario que a Xunta e o Estado, somos conscientes da situación que se está vivindo e, na medida das nosas posibilidades e aproveitando ao máximo os recursos, trataremos de axudar a cubrir as carencias existentes”, concluíu.