Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela estuda arranxar o Camiño do Campo e o Camiño das Pasadiñas coa subvención de 50.823 euros da Xunta

Burela, 21 de outubro de 2014.- O Concello de Burela recibirá un total de 50.823 euros a través da Consellería de Medio Rural, con cargo ao PEIM de 2014, segundo acordo adoptado coa Xunta de Galicia.
O alcalde de Burela, José María González Barcia, manifestou a súa satisfacción por esta subvención da Xunta, “que nos permitirá continuar arranxando camiños, na liña que mantivemos este ano”.

“A decisión sobre os camiños a incluír no PEIM deste ano vaise tomar en breve, xa que temos sobre da mesa varias alternativas, aínda que todo apunta a que nos decantaremos polos camiños do Campo e das Pasadiñas”, informou o alcalde.

Neste senso, o concelleiro delegado de Obras, Manuel Fernández Valle, manifestou que “o camiño do Campo, situado entre a estrada Burela-San Cibrao e o recinto deportivo de A Marosa, é moi usado durante todo o ano, e non está precisamente en bo estado. Por outra banda, arranxar o camiño das Pasadiñas para darlle saída ao Camiño Real por unha rúa feita hai un par de anos permite acondicionar unha zona que tamén o precisa”.
Fernández Valle indicou que “nos decantamos por camiños que están situados por debaixo da variante porque son máis usados polos veciños”.

O Concello pechará o proxecto nas vindeiras semanas, e despois será enviado á Xunta para a súa validación. As obras realizaranse en función da meteoroloxía, aínda que a intención do Concello é facelas canto antes; en todo caso, antes do vindeiro mes de xuño.

Exit mobile version