Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia agradece que a Xunta dea luz verde á creación dun parque eólico singular en Mondoñedo que suporá 3,5 millóns de euros de investimento

Mondoñedo, 10 de outubro de 2014.- A presidenta e portavoz do Grupo Municipal Popular de Mondoñedo, Elena Candia, agradeceu este venres a decisión do Consello da Xunta de dar luz verde á creación dun parque eólico singular na localidade, que trae aparellado un investimento superior aos 3,5 millóns de euros

Trátase dunha nova iniciativa do Goberno galego en apoio de Mondoñedo xa que, ás vantaxes derivadas da posta en marcha desta actividade industrial e ás oportunidades de emprego a el vinculadas, hai que sumar os novos ingresos que o Concello obterá procedentes do canon eólico, o que repercute directamente no conxunto dos veciños.

Cándia aplaude esta aposta do Goberno galego polas enerxías renovables que está a ser un compromiso constante do que poden dar boa conta en Mondoñedo xa que, fai un ano, o Consello da Xunta autorizaba o proxecto de parque eólico de Sasdónigas.

Para dar conta da magnitude deste novo parque, Cándia, salientou o dato proporcionado pola Xunta que estima que a produción de enerxía anual desta nova instalación será de 9.600 MWh, o equivalente ao consumo anual de máis de 2.200 familias galegas.

Exit mobile version