Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo debate os orzamentos de 2015 nos que non se subirán os impostos, redúcese a cero a débeda cos provedores e destínase 522.000 euros a emprego

Cervo, 16 de outubro de 2014- A corporación local celebra este xoves o pleno máis importante do ano, no que se debaterán os orzamentos para 2015, que ascenden a 5,2 millóns de euros, un 2% máis que o exercicio corrente. Uns presupostos nos que, por terceiro ano consecutivo non subirán os impostos, tal e como prometera o goberno local no 2012, mentres se manterán os servizos coa mesma calidade.

Ao mesmo tempo, cabe destacar a baixada do endebedamento. O caso máis rechamante é o da débeda a provedores, que pasa dos 2,1 millóns de euros que había no 1999 aos cero euros na actualidade. Desta maneira, o goberno local conseguiu eliminar a débeda coas empresas, pagándolles ao día. En canto á débeda cos bancos, reduciuse de forma considerable, pasando dos 3,7 millóns do ano 99 aos 2,6 do 2014 e que ao remate de 2015 situarase nos 2 millóns.

Entre as partidas dos orzamentos cabe destacar o investimento en creación e fomento de emprego, que ascende a 522.000 euros, dos cales 190.000 euros son para accións pioneiras para a xuventude, como é o caso do programa de formación dual e das prácticas remuneradas para titulados. En canto a outra das áreas estratéxicas, os servizos sociais, destinaranse 237.500 euros.

O esforzo inversor tamén crece para o ano 2015, destinando 310.000 euros a investimentos reais, un 30,5% máis que no exercicio actual. Aínda así, o volume total de investimentos será moito maior, xa que nese importe non se contemplan as subvencións que concederán outras administracións. Ao mesmo tempo, o Concello manterá as axudas que outorga todos os anos aos diferentes colectivos: educativos, deportivos, culturais, veciñais, ás familias…

Unhas cifras “moi positivas” para a edil de Facenda, Yolanda Pedreira, que asegura que medidas como “a non subida de impostos, a redución da débeda ou o investimento en áreas clave son posibles a través dunha xestión responsable dos cartos dos veciños e a un compromiso cos servizos públicos de calidade”.
Ademais, no pleno tamén se abordará a reparación do saneamento de Figuerido, que custará 58.000 euros e que se financiará con fondos do remanente de tesourería de 2013, que só se poden destinar a investimentos que impliquen un aforro económico prolongado no tempo.

Exit mobile version