Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inicia a campaña “Se ti respectas, el respecta” para concienciar aos propietarios dos cans sobre as súas obrigas

Cervo, 21 de outubro de 2014.- O Concello de Cervo, a través do departamento de Medio Ambiente, pon en marcha unha campaña de concienciación dirixida aos donos de animais domésticos, basicamente de cans. Unha iniciativa que inclúe varias medidas. Unha delas é a colocación de paneis informativos en zonas públicas do municipio, especialmente da zona urbana, como parques, áreas de xogo infantil e espazos verdes.

A campaña, co slogan “Se ti respectas, el respecta”, apela aos propietarios dos cans como responsables do comportamento das súas mascotas, e distingue entre normas e obrigas, e prohibicións. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso comprobaron a colocación dun dos carteis no parque Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, no núcleo de Cervo.

Entre as normas que hai que cumprir están a de sacar aos cans a pasear con correa, e ademais con boceira se son potencialmente perigosos; recoller as defecacións, inscribilos no Censo Municipal de Animais Domésticos e, en definitiva, actuar con civismo e responsabilidade.

En canto ás prohibicións están a de non levar aos cans ás zonas de xogo infantil ou non bañalos en fontes públicas, duchas ou lavapés das praias así como que non frecuenten os areais en xeral durante a temporada de baño.

Razas potencialmente perigosas
No caso dos cans de razas potencialmente perigosas, vaise reforzar a campaña co envío de cartas aos seus donos, informando de forma máis específica sobre as normas que afectan a estas razas. Por exemplo, a correa para estes animais terá que ser inferior a dous metros, homologada e non extensible. Ao mesmo tempo, non poderán ser levados por menores de 16 anos e teñen que estar dados de alta no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

Vixilancia
O Concello de Cervo asegura que son moitos os veciños con cans que cumpren coas súas obrigas, pero tamén destaca que hai outros casos nos que non se atende a estas normas. Por iso agarda que estas medidas de información sexan de utilidade á hora de concienciar á poboación e de fomentar “actitudes cívicas y responsables que mejoren la convivencia”, asegura Alonso. Pero o mesmo tempo, para asegurar o cumprimento destes obxectivos, o Concello anuncia que reforzará a vixilancia con axentes da Policía Local.

Exit mobile version