Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo reparte 240 libros infantís entre os escolares do municipio para fomentar a lectura e o uso das bibliotecas

Cervo, 24 de outubro de 2014- Coma todos os anos, o Concello de Cervo celebra o Día da Biblioteca con diferentes iniciativas dirixidas especialmente ao alumando dos colexios. Por unha banda, vólvense editar os carnés infantís cun deseño especial con motivo desta efeméride, que recibirán todos os nenos que se fagan socios, tanto da Biblioteca de San Ciprián, situada na Casa da Cultura, como no Punto de Lectura de Cervo, a carón da Casa do Concello.

Para facilitar esta tarefa, o Concello entregou nos dous colexios os impresos para facerse socios, de forma que só terán que cubrilos e levalos á Biblioteca Pública xunto cunha fotografía tamaño carné.
Pero ademais, o Concello repartiu entre todos os escolares de infantil e primaria un libro sobre as aventuras dos Bolechas cunha edición especial ambientada na Mariña Lucense. Unha historia que transcorre en diferentes puntos emblemáticos da comarca, como é o caso da fábrica de cerámica de Sargadelos, ou San Ciprián, onde se atopan coa Maruxaina. Desta forma, a administración local pretende fomentar a lectura a través dun conto entretido e no que poden recoñecer lugares da nosa zona, promocionando ao mesmo tempo a nosa comarca.

A edil de Cultura, Begoña Alonso e a de Educación, Pilar Armada, fixeron entrega dos libros aos escolares dos centros de infantil e primaria de Cervo e San Ciprián xunto con representantes das ANPAS e do profesorado nun día “para dar a conocer nuestra Biblioteca, donde tenemos más de 3.000 títulos entre los que escoger y, en consecuencia, fomentar la lectura desde edades muy tempranas” explica Alonso.

A edil tamén lembra que ser socio da biblioteca ten moitas vantaxes, como poder levar os libros en préstamo e lelos na casa de forma gratuíta. Armada, pola súa banda, destaca a importancia de celebrar este día “porque serve para poñer o foco sobre as bibliotecas, os libros, a cultura e a educación en xeral”.

Exit mobile version