Site icon Crónica3.com A Mariña

Choramos a moco tendido

Cando os cidadáns sentimos que as institucións “representativas” deixaron de representarnos só nos quéda un camiño, a rúa. En forma de opinión, manifestos, “mareas” ou performances comprometidas, a espontaneidade do cansazo sácanos de casa para facer ver os políticos de salón que nin lles entendemos nin nos entenden.

O fracaso das tarxetas de Caixa Madrid-Bankia acabou coa paciencia ata dos máis conservadores votantes, eses, que o único que buscan co seu voto é “conservar” os seus privilexios e prebendas. Pero este audaz goberno de dereitas deseguida reaccionou ante a molestia das liberdades cidadás e, aproba, en solitario e contra o parecer de ilustres defensores da democracia, unha lei que pretende expulsarnos das rúas, as nosas rúas, as de uso común, as que mantemos e pagamos cos nosos impostos, as que son imprescritibles e inembargables. E, é que a incómoda “plebe” perturba o sono dos autócratas e amola cos seus sermóns reivindicativos interrompendo a circulación dos audis oficiais.

As tarxetas B condenaron os grandes partidos e sindicatos, metéronos a todos na mesma cesta. O seu fin histórico aproxímase. Non obstante, non hai mudanza sen estrés. Manipulados torticeramente as canles de participación oficiais non nos quedou outra que facer vida de barrio e conversación de terraza de café, así xorde o xerme do que, talvez ilusamente, creemos será a salvación da opinión cidadá. Minúsculas formacións políticas aspiran a levar a nosa voz onde todos ten o dereito de falar e ninguén o deber de escoitar.

Co seu diario de abordo cada grupúsculo intenta recoller o eco insignificante desas voces perdidas un eco amortecido no grosor das alfombras que illan o benestar de superegos circulantes sobre calzado ben pulido, mentres tanto, nun millón de fogares familiares os nenos non poden facer os deberes en inverno porque lles cortaron a luz. Pero a condición humana é a que é, e os arribistas pronto aparecen en todas as partes destruíndo a misión dos primeiros ideais. No PP aplauden coas orellas, e os cidadáns choramos a moco tendido.

Otero Regal.

Exit mobile version