Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde denuncia a ausencia de cardiólogos no Hospital da Costa

Diante da información do SERGAS do pasado día 29, na que indica a ausencia de problemas no Servizo de Cardioloxía do Hospital da Costa, negando motivo ás queixas dos usuarios/as, CIG-Saúde denuncia a ausencia total de cardiólogos no centro dende o día 30 de outubro. De feito, na propia data de publicación do desmentido do SERGAS, o hospital xa quedou cun só cardiólogo a causa da baixa do outro facultativo.

Así e todo, critica a CIG-Saúde, a Xerencia da EOXI de Lugo, “nunha nova mostra de falla de interese polo noso hospital”, autoriza a ausencia os días 30 e 31 de outubro deste único cardiólogo, responsable do equipo de cardioloxía do hospital mariñao, quedando o centro sen profesionais nesta especialidade.

Os usuarios e usuarias do Servizo de cardioloxía veñen denunciando, ao igual que CIG-Saúde, a progresiva precarización do servizo “que dende a administración tratan de tapar con desmentidos propagandísticos que nada teñen que ver coa situación real da sanidade pública na nosa comarca”.

Para a central sindical esta situación é outra consecuencia do decreto de xestión integrada, “con centro de decisión en Lugo, e cun Xerente Provincial, García Quintáns, que coa complicidade do Xerente Executivo do Hospital da Costa, Francisco Soriano, non poden nin queren controlar as necesidades en persoal e organización deste e outros servizos do hospital mariñao”.

De feito, o día 30 o hospital atopouse descuberto de cardiólogos, sen dirección médica, sen Xerente e sen ningunha figura presencial que puidese asumir as responsabilidades e tomar decisións para solucionar estas deficiencias asistenciais. “Unha proba máis do desmantelamento do Hospital da Costa”, alertan.

Fronte ao deterioro da calidade asistencial promovido dende a Consellaría de Sanidade, a CIG-Saúde esixe “que os xestores da nosa sanidade pública deixan de enganar á cidadanía con cortinas de fume e propaganda electoral e que se poñan a traballar para ofrecer un servizos e prestacións de calidade na área de cardioloxía do centro mariñao”.

Exit mobile version