Site icon Crónica3.com A Mariña

Concellos da Mariña acumulan dende 2008 un incremento disparado do IBI superior ao 50% porque o Ministerio non adaptou os valores catastrais das vivendas aos prezos actuais do mercado

BURELA, 30 DE OUTUBRO DE 2014.- As secretarias de Economía e de Medio Rural das executivas provincial e galega, respectivamente, –Pilar García Porto e Fe Álvarez Sánchez-; o secretario de Organización –Carlos Ferreiro-; o deputado provincial e voceiro do PSOE en Burela –Alfredo Llano-; o secretario xeral dos socialistas neste municipio –Ramiro Fernández Rey- e o arquitecto Julián Rodríguez Garzón destacaron este xoves, na reunión mantida con veciños da localidade, a importancia de que o Ministerio de Facenda revise a ponencia de valores catastrais dos concellos, co fin de que estes se adapten aos prezos actuais do mercado. E é que estes índices non se revisan neste municipio dende 2006, o que supuxo un incremento do 10% en cada anualidade.

Trátase, en definitiva, asegurou a secretaria de Medio Rural do PSdeG-PSOE de evitar “os custos desorbitados que están a pagar os veciños polo Imposto de Bens Inmobles (IBI), e que non se corresponden co que realmente deberían de pagar, pois o valor da vivenda deprezouse notablemente durante a crise. “É dicir, non pode ser que os cidadáns estean pagando hoxe pola súa casa o mesmo que en pleno boom inmobiliario”, subliñou Fe Álvarez. Neste senso, a socialista instou ao Executivo Central a aplicar coeficientes reductores, pois o artigo 23.2 da Lei de Catastro Inmobiliario especifica que o valor catastral dos bens inmobles non poderá superar o valor do mercado.

Dende que o Partido Popular está no Goberno, tal e como xa denunciou o grupo municipal socialista no Pleno extraordinario convocado para abordar este asunto, o Ministerio de Facenda imprimíu “un ritmo acelerado” á revisión do catastro para actualizar o valor das propiedades e, consecuentemente, incrementar a cota polo pago do IBI. Esta actualización implicou unha suba do valor catastral, que por media se incrementa o dobre e o triple do que hai en vigor na actualidade, tal e como expuxeron e como xa denunciaron en varias ocasións os veciños deste municipio. O obxectivo, é que o valor catastral sobre o que logo aplica o IBI cada concello, oscile entre o 40 e o 60% dos prezos do mercado. Deste xeito, un piso que na actualidade tributa ás arcas municipais un 200 euros anuais, sube ata os 400 ou 500 euros.

Un incremento disparado

A actualización pola vía rápida do valor das construcións. coa correspondente maior cota polo IBI, é “tan só a punta do iceberg da galopante metamorfose que a taxa experimentou durante a crise”. Deste xeito, para a administración local, o gravamen máis vinculado á vivenda está aportando ingresos históricos “froito dos catastrazos, xurdidos da decisión do Goberno Central de incrementar os tipos como antídoto á asfixia financieira dos municipios e das propias valoracións dos edificios”, tanto a través deste mecanismo -a aplicación dun coeficiente de ata o 1,13- como das chamadas ponencias, especificaron os participantes da xornada.

Estes dous factores explican que, malia a agonía na promoción inmobiliaria, a metade dos concellos acumulen dende 2008 un incremento disparado da recadación por IBI, superior ao 50%. É o caso de concellos da Mariña como O Vicedo, Barreiros e Ourol e, no resto da provincia, Pedrafita do Cebreiro, Begonte, Outeiro de Rei e Xermade.

Calificación do solo rústico
Estas foron as principais conclusións da charla organizada polo grupo municipal socialista e na que o PSOE local aproveitou a ocasión para explicar aos veciños os factores que determinaron a súa petición de pedir unha revisión catastral no concello e a influencia que vai a ter o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal nas súas fincas.

Neste senso, tanto os técnicos participantes como os socialistas, tamén destacaron a necesidade de que se axuste a clasificación catastral á doctrina contida nunha sentenza do Tribunal Supremo do pasado 30 de maio, e que ratifica o fallo segundo o cal o solo urbanizable non pode ser valorado catastralmente como urbano se o concello non ten aprobado o instrumento de desenvolvemento de ordenación detallada. E é que ata o de agora, e en aplicación da Lei do Catastro Inmobiliario, as ponencias de valores consideraban como solo urbano os terreos clasificados polo PXOM como solo urbanizable, aínda que tivesen aprobado dito instrumento.

“Isto implicaba un aumento indebido da presión fiscal á cidadanía, que paga como urbanos uns terreos que seguen en situación de rústico, de aí que demandemos que o Catastro revise as ponencias de valores dos concellos, xa que, como se pode ver, estas incurren en ilegalidade”, denunciou a secretaria de Medio Rural do PSdeG-PSOE.

Exit mobile version