Site icon Crónica3.com A Mariña

Conmemoración do 85 aniversario de Manuel María do Colexio Martínez Otero de Foz

Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004) cumpriría 85 anos o pasado luns 6 de outubro. E desde o Colexio Martínez Otero de Foz non quixeron deixar que esta data pasase sen lembrar ó poeta chairego.

Deste xeito, o Colexio organizou un acto onde o alumnado de Primaria e Secundaria coñeceu a importancia de Manuel María na literatura galega e a súa intensa relación coa vila de Foz. Ademais, o acto completouse cunha lectura de poemas do autor por parte do alumnado e a interpretación musical de dous dos seus poemas máis coñecidos “O carro” e “O aradiño”.

É un acto moi sinxelo organizado polo grupo de biblioteca e o equipo de dinamización lingüística do centro.

Extracto da Intervención de Marcos Loureiro
“A relación de Manuel María con Foz foi temperá. Mais como todo amor ten unha data, este non ía ser menos. Normalmente, tende a sinalarse o ano 1966 como o inicio desa relación mais isto non é tan así. Se acudimos ás hemerotecas, cousa que sempre é recomendábel, veremos como nos xornais, antes da citada data, atopamos as seguintes colaboracións asinadas polo noso poeta:

1. “Breve inventario de la Costa Lucense”, Vida Galega, nº 38, Vigo-Lugo, maio, 1958.
2. “Un pueblo que vive en el mar”, Faro de Vigo, Vigo, 10-VII-1965.
3. “Sólo para focenses: en torno a un olvido”, El Progreso, Lugo, 11-VII-1965.
4. “Ante el Homenaje a Noriega Varela y Aquilino Iglesia Alvariño”, El Progreso, Lugo, 25-VII-1965.
Que tiñan como denominador común estes artigos? A resposta é moi sinxela e vén en forma dun fermoso monosílabo: Foz.
No ano 1966, coincidindo coas festas de San Lourenzo, tiñan lugar os primeiros Xogos Florais (certame literario destinado a potenciar a creación literaria na nosa lingua) da vila e cuxo gañador foi Manuel María. A obra gañadora era unha compilación de poemas que levaba por título Versos florecidos en louvanza de Foz.

As visitas a Foz do chairego sucedéronse. Ben fosen para visitar aos moitos amigos que deixou ou para disertar, convidado polas agrupacións culturais da vila, sobre o tamén escritor Noriega Varela. Isto último até se deixa sentir nun dos seus poemas:

Andiven por Foz pasmado
vendo a paisaxe vilega
e a percurar afanado
os poemas de Noriega…

No patrón da vila do ano 1980 o programa das festas de Foz viña cunha sorpresa. Un novo poema de Manuel María dedicado á vila e que levaba por título “Nova chamada do mar”.

Así, e desde hoxe, sempre que pensemos en Foz fagámolo tamén en Manuel María. Falar de Foz ou do Manuel é falar do país. Non deixemos que ningún dos dous caia no silencio.

É o meu vello amigo
o mar de Foz quen me reclama:
coñozo o seu acento gris,
a súa palabra airada,
o seu recendo rexo e masculino
e quéreme ó seu pé,
perto dos mariñeiros,
dos labregos,
das xentes populares
pra darnos a súa forza
e poñer en pé a Galicia.”

Exit mobile version