Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Empresarias de Lugo ofrecen formación gratuíta a 15 desempregados para abrir novos negocios

Viveiro. FormaciónLugo, 29 de outubro de 2014.- A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a Presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU), Beatriz Varela, presentaron este mércores no municipio viveirense o programa gratuíto Deseña o teu plan de negocio. Trátase dunha acción formativa para 15 desempregados lucenses, que impulsa o papel emprendedor na Mariña. Esta iniciativa está financiada polo organismo provincial a través dun convenio con AELU por valor de 60.000 euros.

Lara Méndez destacou que “debemos seguir apostando pola muller como nova empresaria, creando negocios que axuden a buscar novas vías de futuro para a provincia e para as familias”. A Vicepresidenta lembrou que grazas ao convenio de colaboración coa asociación de mulleres púxeronse en marcha outras iniciativas como o Banco de Tempo. É o portal virtual que “favorece a colaboración entre mulleres e favorece a creación de traballo, nun momento no que o paro en Galicia supera o 21%”, salientou. María Loureiro agradeceu a Deputación o compromiso que ten co Concello e destacou que “as mulleres da Mariña foron sempre un dos piares fundamentales das familias. Pola súa banda, Beatriz Varela afirmou que “a muller lucense é muller emprendedora” e que por iso “debemos seguir traballando xuntos para animar as nosas mulleres a seguir emprendendo”.

Esta nova acción formativa, completamente gratuíta para as participantes, celebrarase na aula telecentro do claustro de San Francisco, entre os días 6 e 27 de novembro, de 16:00 a 20:00 horas. Deseña o teu plan de negocio ofrece 50 horas de formación en aspectos como o plan de empresa, as estratexias para a busca de financiamento, as características do mercado ou a descrición dos produtos e servizos que unha empresa debe ofrecer.

O prazo de inscrición está aberta no teléfono 982-226-991 ou en empresariaslugo@gmail.com. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.

II Pacto Provincial polo Emprego

Lara Méndez destacou que “a Mariña é unha das rexións nas que máis interese espertan os cursos da Deputación, que contan sempre cun grande número de participantes”. Méndez explicou que, por exemplo, no I Pacto Provincial polo Emprego rexistráronse, só na Mariña, o 25 % de todas as solicitudes presentadas, sendo o Concello de Viveiro o que estivo á cabeza. A Vicepresidenta valorou positivamente este dato e destacou que “co I Pacto Provincial polo Emprego conseguimos incorporar ao mercado laboral a 100 dos 540 participantes, o que significa unha inserción do 20%”. Por este motivo, Lara Méndez animou ás veciñas e veciños a participar na segunda edición do Pacto Provincial polo Emprego, que contará con 72 accións formativas para máis de 1.000 desempregados da provincia de Lugo.

Exit mobile version