Site icon Crónica3.com A Mariña

Durante a tempada de outono-inverno haberá visitas guiadas para grupos á Basílica de San Martiño en Foz

Foz, 8 de outubro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou este mércores que se manterán as visitas guiadas á Basílica de San Martiño durante toda a tempada de outono-inverno, tanto para grupos de máis de 15 persoas que acudan a ver o monumento entre semana, como para os visitantes que o fagan a título individual os sábados e os domingos. No caso dos grupos será necesario que estes avisen con tempo para poder garantir o servizo de guía. A medida será efectiva ata a Semana Santa de 2015, momento en que se recuperarán os horarios habituais de acceso ó monumento que xa houbo este pasado verán.

O rexedor municipal explicou que “despois de falar coa asociación de veciños de San Martiño, o grupo de goberno do Concello de Foz decidiu ampliar a cobertura da oficina de turismo que temos establecida na Basílica de San Martiño. Imos ampliar este servizo ata a Semana Santa do ano 2015, na que se volverá a iniciar a tempada alta. Agora estamos co horario de inverno e neste caso o que si podemos asegurar é que todas aquelas visitas guiadas con máis de 15 persoas que avisen con antelación terán cobertura calquera día da semana. Ademais as fins de semana manterémola aberta, sobre todo os sábados pola mañá e pola tarde, nos que terá dispoñibilidade dunha guía coma víñamos tendo ata agora. E os domingos evidentemente seguirá a estar aberta porque é o día das celebracións relixiosas”.

Castiñeira engadiu que “aínda que dende o Concello entendemos que en época de inverno as visitas son menores, facemos isto para garantir unha continuidade e asegurar que tódalas persoas que nos visiten en fin de semana poidan ver a Basílica de forma guiada, como se estaba facendo ata agora. Tamén para garantir que pola semana todos aqueles colectivos que o preparen e avisen con anterioridade poidan gozar dunha visita guiada coa mesma persoa. Manteremos esta medida ata a Semana Santa e a partir de aí empezarán novamente os horarios que víñamos tendo”.

Para o alcalde focense “esta decisión supón un compromiso importante con San Martiño e cunha das xoias arquitectónicas do noso municipio e da Mariña.Trátase dun esforzo grande por parte do Concello, pero creo que merece a pena”.

Exit mobile version