Site icon Crónica3.com A Mariña

Educación lamenta a interrupción das clases no IES Vilar Ponte por parte dun grupo de pais

Lugo, 10 de outubro de 2014.- A Consellería de Educación lamenta que durante a xornada deste venres, un grupo minoritario de pais de alumnos do Instituto de Educación Secundaria (IES) Vilar Ponte irrumpise no centro sen autorización, interrumpindo o normal funcionamento da actividade no mesmo e pedindo aos estudantes que abandonasen as aulas.

A consellería rexeita esta actitude, que obstaculiza o desenvolvemento normal da labor docente e prexudica gravemente o proceso formativo de todo o alumnado do centro Vilar Ponte.

O departamento educativo considera grave o sucedido no día de hoxe neste instituto viveirense. Non se pode permitir que persoal alleo ao centro perturbe o desenvolvemento das clases, posto que se vulnera a cadea de protección que Educación debe garantir a todos os escolares.

Por este motivo, vai a ser posto en coñecemento das autoridades competentes para evitar que unha actuación semellante, que non beneficia á calidade formativa dos estudantes, se repita de novo.

Profesionalidade dos docentes
Educación reitera que confía na profesionalidade dos docentes do Instituto de Educación Secundaria (IES) Vilar Ponte e apela á responsabilidade do profesorado do devandito centro para a aplicación dos horarios elaborados pola nova dirección deste instituto.

Na planificación que realizou o novo equipo directivo efectuáronse cambios mínimos con relación á prevista anteriormente. De feito, respectáronse os grupos, agrupamentos e Programas de Diversificación Curricular PDC), así como as peticións iniciais que os profesores presentaran á anterior dirección do centro educativo.

Exit mobile version