Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados acusan aos parlamentarios populares da Mariña de cómplices e verdugos do roubo dos seus aforros

IMG_0505A Mariña, 29 de outubro de 2014.- O colectivo de emigrantes retornados da Mariña volveu decepcionado e indignado coa actitude do Partido Popular que negou cos seus votos a iniciativa do BNG de modificar a lei 35/2006 do IRPF para evitar a discriminación existente entre pensionistas que perciben unha o varias pagas como sucede coa totalidade dos emigrantes retornados. O colectivo acusa aos deputados mariñaos do PP, Vidal Martínez Sierra e José Manuel Balseiro de traizón e complicidade necesaria con quen nos rouba, estes dous señores votaron a favor nos seus concellos das nosas demandas pero chegan o parlamento e prefiren conservar as súas cómodas cadeiras a mollarse polos seus veciños e veciñas.

O colectivo lembrou que a iniciativa debatida hoxe no Parlamento Galego presentada polo BNG, “é o principal obxectivo dos emigrantes retornados”, “era por tanto nosa e non só do BNG, polo que o PP hoxe volveu darnos as costas e nós deberemos facer o mesmo cando se presente a ocasión nas próximas eleccións”. Critican que a Facenda española está facendo caixa á conta nosa, mais tamén das moitas persoas que por desgraza hoxe non teñen un emprego estábel, “cos mesmos ingresos anuais – superiores a 11.200 euros e inferiores a 22.000 – a presión fiscal é moi inferior para quen ten un único pagador que para quen ten varios, aínda que un deles sexa un subsidio por desemprego”.

Na mesma semana en que persoas tan relevantes dentro desta organización como Rodrigo Rato, Acebes ou Granados; na mesma semana en que se denuncian tramas de corrupción con altos cargos do partido en Galiza implicadas no Caso Zeta. Causa indignación e carraxe que un partido político como o PP implicado nestes e noutros escándalos, sexa ao mesmo tempo insensíbel con mais 200.000 traballadores e traballadoras que tivemos que marchar na busca de oportunidades fora da nosa terra.

O colectivo cargou contra os dous deputados do PP de procedencia mariñá, José Manuel Balseiro e Vidal Martínez Sierra, que aproban nos seus concellos iniciativas de apoio ás nosas demandas mais cando chega a hora de posicionarse con claridade naquel foro do que dependen os seus salarios e cadeiras de poder dannos as costas para vir dentro duns meses pedir o noso voto, que temos claro non van recibir.

Desde Emigrantes retornados da Mariña agradecen ao BNG o seu apoio demostrado desde que se iniciou este problema fai un ano e en concreto as múltiples iniciativas tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego, e en concreto nesta proposición de lei que avanzaba en ofrecer unha solución definitiva aos nosos problemas.

O colectivo anuncia que todas as plataformas comarcais, incluída a mariñá, concentraranse o próximo martes 4 de novembro diante das delegacións comarcais de facenda. “Incrementaremos a presión social porque non estamos en disposición de soportar o asalto ás nosas pequenas pensións, nin a insensibilidade e o desprezo co que nos está tratando o Sr. Feijoo e o seu partido.

Exit mobile version