Denuncian que a pesar do recoñecemento do Ministerio de Facenda da mala praxe da Axencia Tributaria española que levou á aprobación o 1 de agosto pasado dun período de regularización sen sanción nin intereses e da devolución daquelas cantidades cobradas indebidamente, Facenda segue remitindo a membros do colectivo cartas reclamando o pago de sancións e intereses que posteriormente deberá devolver de acordo con esta modificación lexislativa.
Neste sentido acusaron ao ministro Montoro de “continuar a presión fiscal para facer caixa rápida a costa do colectivo”, non é de recibo que se nos siga cobrando sancións e intereses que o propio ministerio anula, mesmo aqueles que xa cobrou e que agora non informa como vai devolver e nega a devolución de oficio.
O colectivo mostrouse satisfeito porque a presión social foi quen de facer cambiar a actitude do ministerio abrindo período de regularización e anulación de intereses e sancións, “acollerémonos ao aprobado nese consello de ministros pero non temos nada que agradecerlle nin ao PP nin a Montoro, foi a nosa loita a que o forzou a cambiar de actitude”.
Con todo desde os colectivos seguen reclamando a modificación da lexislación fiscal sobre dous ou mais pagadores que obriga a declarar a partir de 11.000 euros de ingresos anuais mentres no caso dun pagador esta non é obrigatoria ate os 22.000, “un trato inxusto que tamén afecta a persoas en activo”.
Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña.