Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo destaca un incremento de máis do 82% dos fondos aos concellos para a mellora dos seus camiños

feijooSantiago, 2 de outubro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves, tras o Consello, un incremento de máis do 82% da dotación económica aos concellos para a mellora dos camiños de titularidade municipal, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos residentes e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e dotación dos servizos básicos nas áreas rurais.

Feijóo destacou, así, a aprobación da sinatura de convenios de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e cada unha das catro deputacións provinciais para financiar as actuacións do novo Plan marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-15.

Segundo abundou o responsable do Goberno galego, a través destes convenios os concellos de Galicia beneficiaranse de máis de 25,5 millóns de euros (fronte aos preto de 14 millóns do Plan marco 2013-14) destinados á ampliación, mellora e mantemento dos camiños de titularidade municipal. “Isto supón un incremento do 82% sobre o plan anterior –incidiu-, que vai permitir mellorar un maior número de camiños no ámbito rural de Galicia”. “Pasamos de 14 millóns de euros a 25,5 millóns de euros, en colaboración entre a Xunta de Galicia e as catro deputacións, seguindo os criterios que marcou a Federación Galega de Municipios e Provincias”, abundou.

Feijóo indicou que, sen dúbida, este plan permitirá mellorar “as condicións de vida das galegas e dos galegos que residen no medio rural”, un plan que, segundo resaltou, inclúe como novidade que unha parte importante do confinanciamento será achegado polas deputacións provinciais. “Xunta e deputacións integrámonos nun plan para abordar o desenvolvemento rural desde unha perspectiva integral e para reforzar a colaboración entre as administracións públicas”, aseverou.

Cómpre salientar, tamén, que para desenvolver o plan, os criterios de reparto foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Fegamp. De tal xeito que: os concellos da provincia da Coruña recibirán máis de 8 millóns de euros; os da provincia de Lugo, preto de 7 millóns; os concellos de Ourense contarán con preto de 6 millóns; e os da provincia de Pontevedra recibirán arredor de 5 millóns.

Así mesmo, o novo cofinanciamento distribuirase de xeito que: o 75% irá con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER); o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente achegará un 12,13% dos fondos; a Xunta e as deputacións provinciais o 12,87% restante; e os concellos beneficiarios serán os encargados do pagamento do imposto do valor engadido (IVE).

“Como se ve –concluíu Feijóo-, estamos tentar sumar os orzamentos de todos para facer un plan que beneficie a todos”.

Exit mobile version