Fai 365 días tiven a honra de participar na inauguración deste centro, convidado pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, con quen veño colaborando todo este tempo, tras comprobar o admirable servizo que prestan, e a importancia de seguir dando resposta aos retos que cada día teñen que afrontar este tipo de colectivos e as súas familias.
O complexo residencial foi froito do esforzadísimo traballo dun grupo de persoas que, no seo desta asociación, teñen dedicado moitísimo tempo e moitos recursos para, desde a iniciativa social e en colaboración con apoios privados e o concurso de moitas administracións, ata tomar forma nunhas modernas instalacións cuns servizos deseñados, con gran profesionalidade, por aqueles que coñecen mellor que ninguén as súas demandas, inquedanzas e necesidades.
A Xunta de Galicia, como no podía ser doutro xeito, estivo presente. Un compromiso materializado a través do concerto de prazas co SERGAS, o de achegas específicas para levar adiante o novo centro. Só desde 2009 a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña contou con preto de 800.000 euros de axuda da Consellería de Traballo e Benestar, e paga a pena seguir presente.
Hoxe, aínda que por circunstancias persoais non puiden participar nos actos de celebración deste primeiro aniversario, si sinto a obriga de trasladar a miña felicitación e total recoñecemento aos seus impulsores, aos usuarios e ao colectivo de traballadores que teñen conseguido formar nese centro unha gran familia ao servizo dun obxectivo tan nobre, rompendo tabús e incomprensións, e achegando as terapias máis axeitadas.
No día do seu cumpreanos, hoxe máis que nunca, quero animarlles a seguir adiante, a seguir afrontando retos, amosando que non hai límites para quen, coa razón da súa man, busca dignificar a atención que deben recibir os enfermos mentais, erradicar a estigmatización social desta enfermidade e promover a súa rehabilitación comunitaria e laboral. Agora e sempre saben que poden contar comigo. Tamén, seguro, co resto das veciñas e veciños dunha comarca, A Mariña lucense, que recoñece, admira e apoia, e así o demostrou, iniciativas como as que fai un ano deron o seu froito na nova residencia de Cervo. A todos ese gran equipo: Moitas Felicidades!
Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento de Galicia