Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez subliñou que “a situación económica do Concello mellorou e o período medio de pago a provedores no último trimestre foi de 28 días”

Ribadeo, 10 de outubro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que a situación económica do Concello mellorou nos últimos anos e que no último trimestre o período de pago a provedores situouse de media en 28 días. O rexedor subliñou que os remanentes positivos do Concello permiten contar cunha certa liquidez para poder efectuar os pagos ás empresas. Suárez Barcia lembrou que hai anos a demora era terrible.

O alcalde referiuse a “estas novas normativas que regulan os métodos do período medio de pagamento a provedores, métodos que están en vigor dende 2014” e lembrou que “o Concello de Ribadeo, que non hai moitos anos pagaba cunha demora terrible polo que moita xente non quería nin subministrarlle servizos nin materiais, agora, con moitas dificultades e non estando na mellor das situacións posibles, volvemos estar dentro do que marca a norma. O período medio de pago no que estivemos a pagar neste último trimestre, que é cando se analizan estas cuestións contables, foron 28 días”.

Para Fernando Suárez “esta é a situación que sempre debeu ter sido, pero que nunca foi. Dende logo agora, moitas veces sendo criticados pola oposición por ter remanentes positivos e non gastalos, eses remanentes son os que precisamente nos permiten ter unha certa liquidez para ir facendo fronte a eses pagamentos e que ningún dos provedores que polos servizos, polas obras, ou polo que teñan que facturar ao Concello, se atopen con certas tensións de tesouraría porque o Concello non lles pague, senón todo o contrario”.

O rexedor engadiu que “con todo sacrificio e sabendo que as cousas sempre se poden facer moito mellor, que se poden facer moitas máis obras, que se poden dar moitos máis servizos, e que se poden cobrar moitos menos impostos, pero realmente con como o estamos facendo estamos na liña inédita na que nunca o Concello de Ribadeo tivo tanta garantía no pago sen que os seus provedores estiveran preocupados”.

Exit mobile version