Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz recibe a aula móbil sobre reciclaxe o martes 14 e o venres 31 viaxa a Cerceda

Foz, 9 de outubro de 2014. A praza Conde de Fontao, de Foz, acollerá o vindeiro martes, día 14 deste mes, de 9 a 14 horas a aula móbil da campaña autonómica de información e concienciación sobre a recollida selectiva e a reciclaxe de residuos promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama.

A aula móbil estará atendida por educadores ambientais que explicarán aos veciños como facer unha correcta xestión dos residuos urbanos. Tamén abordarán os beneficios da compostaxe doméstica. Para os nenos haberá un xogo xigante sobre reciclaxe, co que ademais de aprender poderán divertirse.

Ademais o Concello de Foz mantén aberto o prazo de inscrición para participar na viaxe para visitar as instalacións de Sogama en Cerceda o día 31 deste mes, venres. Esta actividade forma parte da campaña Separemos ben, reciclaremos mellor.

O autobús sairá de diante da Casa do Concello, na rúa Álvaro Cunqueiro, o día 31 de outubro ás 8 da mañá. O percorrido polas instalacións de Sogama, en Cerceda, terá unha duración aproximada de dúas horas.

Os veciños e veciñas do municipio focense que estean interesados en participar nesta viaxe deben anotarse na oficina de Medio Ambiente do Concello, que está no edificio do Cenima, na avenida da Ribeira, en horario de 10 a 13 horas.

Exit mobile version